DEBATE A 3. A ANÁLISE

Sánchez, Iglesias e Rivera disputan o voto do cambio baixo a sombra dun Rajoy ausente

Debate a 3. Xerais2015
photo_camera Foto: El País.


Un debate a tres no Estado, como o organizado por El País esta terza feira 30 de novembro, e amplificado polas ondas da SER, é un debate inevitabelmente coxo [o PP optou por boicotalo, IU e soberanistas foron excluídos]. A baza do PP foi esa, a de condicionalo desde fóra. Rajoy non quería dar a Rivera e Iglesias status de interlocutor. Sánchez, Rivera e Iglesias disputáronse o voto do cambio. O soberanismo ficou excluído do debate.

O debate veu precedido dun inquérito de Metroscopia que colocaba Ciudadanos como primeira forza en intención directa de voto e incrementaba a presión sobre a Moncloa. Mais Rajoy non cedeu: non iría a debater e deixaría un atril baleiro. A estratexia de Génova é subliñar a impresión de que o presidente do Goberno xoga noutra liga. Que se desgasten os aspirantes nestas escaramuzas iniciais. Rajoy ten a baza, alén do máis, do debate bipartidista programado con Sánchez.

A estratexia de Génova é subliñar a impresión de que o presidente do Goberno xoga noutra liga. Que se desgasten os aspirantes nestas escaramuzas iniciais

O status de Sánchez, de retador, é distinto. El non ten a púrpura gubernamental nen lidera os inquéritos. Antes ao contrario, sente o alento na caluga de Rivera e, en menor medida, de Iglesias. Non tiña opción distinta a de confrontarse dialecticamente cos líderes emerxentes.

Sánchez a por Rivera e Iglesias a por Sánchez

O debate deixou pistas claras de por onde van as respectivas estratexias. Pedro Sánchez castigou sobre todo o fígado direitista de Rivera, coa intención de o desacreditar perante a freguesía progresista. "Non es de ultra-direita, Albert", concedeu nun dos momentos máis tensos do puxilato. "Es simplesmente de direitas", díxolle após lle imputar terse aliado en concellos coa formación ultra Llibertat. Por súa parte, Iglesias foi desde o minuto 1 a por Sánchez. Cos inquéritos na man, Podemos -que interpreta que do pozo de IU xa non pode tirar máis auga- abandona momentaneamente a viraxe centrista de Errejón -aquela ladaíña de tanto ten a esquerda como a direita- e olla para os caladoiros do voto PSOE. O mísil de Iglesias ás portas xiratorias do PSOE -ministros socialistas que ao abandonar o consello de ministros acaban na cúpula directiva de grandes multinacionais ou corporacións financeiras- caíu unha e outra vez sobre posicións socialistas.

Canto ao debate territorial, apenas houbo novidades. Rivera izou a bandeira constitucionalista do 78 e exhibiu o seu historial de combate anti-nacionalista en Catalunya. Sánchez defendeu a súa vaga proposta federal, en tanto que Iglesias apelou ao direito a decidir dos cataláns, para, a seguir, propor que o exerzan para ficar en España. Nada novo baixo o sol.

Quen gañou o debate? A xulgar pola audiencia de El País, Pablo Iglesias. A xuízo dos analistas da SER, a impresión é praticamente de empate técnico. Génova cre, en troca, que gañou Rajoy, que aínda se pode permitir o luxo de non ir e de proxectar a impresión de que el é mellor que o caos que representan os outros.

Comentarios