Debate de investidura

Sánchez deixa en evidencia con datos a xestión de Feixoo na Xunta: "Nin moderado, nin experto, nin bo xestor"

Feixoo responde alegando as súas vitorias nas urnas fronte a un Sánchez que será "dúas veces presidente" despois de "perder".
En primeiro plano, Alberto Núñez Feixoo; ao fondo, Pedro Sánchez e Nadia Calviño, hoxe, no Congreso (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press).
photo_camera En primeiro plano, Alberto Núñez Feixoo; ao fondo, Pedro Sánchez e Nadia Calviño, hoxe, no Congreso. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

O líder do PSOE e candidato á investidura, Pedro Sánchez, reprochou ao presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, que incrementase "en 226%" a débeda da Galiza durante a súa etapa á fronte da Xunta. Tamén lle afeou a súa xestión da fusión das caixas galegas, cun custo milmillonario para as arcas públicas. "Nin moderado, nin experto, nin bo xestor", sentenciou.

Na súa resposta á intervención do presidente do PP durante a sesión de investidura, Sánchez censurou que Feixoo trate de "dar leccións" e pór en dúbida a política económica do Executivo estatal cando levan cinco anos gobernando "con cifras en emprego, en crecemento económico e en inflación" moito mellores que a media europea.

"Os datos son túzaros", dixo Sánchez antes de referirse aos datos da débeda galega para asegurar que subiu 226% durante a etapa de Feixoo como xefe do Executivo galego, ao pasar de 4.454 millóns no segundo trimestre de 2009 a 11.314 no primeiro trimestre de 2022. Un punto sobre o que desde a Xunta alegaron que Galiza foi a comunidade autónoma que menos medrou en materia de débeda nesta etapa.

Na sesión de investidura, ademais, Sánchez sinalou que "tampouco se vai a esquecer a brillante xestión" de Feixoo á fronte das caixas galegas. "Desde a súa chegada ao poder impulsou a fracasada fusión da Caixa Galicia con Caixa Nova. E o resultado cal foi? A perda de 8.000 millóns de euros" e "varios directivos en prisión polas súas fabulosas indemnizacións", sinalou.

Referencias a Fraga e Dorado

O candidato socialista á investidura e presidente do Goberno en funcións tamén se referiu á marcha da Galiza de Feixoo para asumir as rendas do PP e contrapúxoa á traxectoria de que tamén fose presidente da Xunta e fundador do PP, Manuel Fraga Iribarne. Así, Sánchez sostivo que o actual líder do PP fixo o traxecto oposto a Fraga, que "deixou de ser xefe da oposición para ser presidente da Xunta, e vostede [Feixoo] deixou de ser presidente da Xunta para ser xefe da oposición", dixo.

Ademais, considerou que o relevante é que "Fraga se distanciou do franquismo e incorporouse á democracia", mentres que Feixoo "está a afastarse dos principios democráticos" e "desfila" con Vox.

Na súa réplica, o presidente do Goberno en funcións e candidato á investidura aproveitou para referirse ao erro nunha cita de Antonio Machado por parte de Feixoo para afearlle as súas fotografías co narcotraficante Marcial Dorado. "É o que ten buscar en Google", dixo Sánchez en referencia ao erro e antes de referirse a Feijóo como un "recentemente chegado como usuario de Google". "Un recentemente chegado como usuario de Google" como todos os españois saben "despois das súas amizades perigosas" que non coñecía porque "entón non existía Google na Galiza", apuntou.

Tras iso, Núñez Feijóo reprochoulle a Sánchez que acudise á Cámara para "insultar a todos" mesmo "aos que xa non viven", como Manuel Fraga. Ademais, suxeriu que o presidente en funcións fixo a súa tese "con Google". "Comparado con vostede, que fixo a tese doutoral con Google, eu non sei nada" —de Google—.

Por último, referiuse ás súas vitorias electorais á fronte da Xunta para asegurar que el gañou "sempre" cando se presentou a uns comicios mentres que Sánchez será "dúas veces presidente do goberno" despois de "perdelas".

Comentarios