Samuel Lago reempraza Fátima Abal na alcaldía de Cambados

A socialista, rexedora desde 2015, comunicou aos seus compañeiros e compañeiras do PSdeG por escrito a súa renuncia por "motivos de saúde". Abal manterá a súa acta de concelleira.
Fátima Abal, alcaldesa de Cambados entre 2015 e 2022 (Foto: FEMP).
photo_camera Fátima Abal, alcaldesa de Cambados entre 2015 e 2022 (Foto: FEMP).

A alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, renunciará ao cargo que ocupa desde xuño de 2015 por motivos de saúde. Anunciarao oficialmente este sábado, malia que xa llo comunicou a través dun escrito aos seus compañeiros e compañeiras do Partido Socialista.

No escrito, Abal explica que abandona o cargo para recuperarse dalgúns problemas de saúde. "Desde hai tempo necesito descansar tanto mental como fisicamente", explica, "o que non é compatible con exercer a Alcaldía de maneira responsable".

A alcaldesa afirma marchar "moi orgullosa" de todo o conseguido e "coa satisfacción de deixar un Cambados moito mellor" que o que atopou. "Foron anos moi difíciles pero tamén moi felices", asegura.

Samuel Lago, novo alcalde de Cambados

O novo alcalde será, con toda probabilidade, o concelleiro do PSdeG Samuel Lago. Unha persoa á que Fátima Abal define na súa carta de despedida como "un home serio, honesto, intelixente, traballador e moi próximo".

A elección do novo rexedor deberá realizarse nun pleno que se convocará unha vez que a alcaldesa presente oficialmente a súa dimisión. Para iso deberá contar co apoio dos dous concelleiros de Somos Cambados, cos que actualmente forma o grupo de goberno e, polo menos, coa abstención de único edil do BNG.

Aínda que renuncia á Alcaldía, Fátima Abal manterá a súa acta de concelleira e seguirá como membro da Corporación, mantendo as competencias nas áreas que lle corresponden.

"Defendendo os nosos principios e valores, nos que creo firmemente e sobre os que sempre encamiñei a miña vida e as miñas accións como política e como persoa", conclúe na súa despedida.

Comentarios