Salvemos Cabana carga contra o interese público "superior" dos eólicos que quere impor a Xunta

A lei de acompañamento dos orzamentos da Xunta da Galiza para o próximo ano recolle a declaración de interese público "superior" da planificación, construción e explotación de parques eólicos de competencia galega.
Aeroxeradores no parque eólico de Sil e Meda, en Esgos, comarca de Ourense. (Fotos: Agostime / Europa Press).
photo_camera Aeroxeradores no parque eólico de Sil e Meda, en Esgos, comarca de Ourense (Fotos: Agostime / Europa Press).

A Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana criticou este domingo o proxecto de lei de acompañamento dos orzamentos da Xunta da Galiza para o próximo ano, que recolle a declaración de interese público "superior" da planificación, construción e explotación de parques eólicos de competencia galega.

Segundo Salvemos Cabana, esta normativa converte o proceso de avaliación ambiental en "papel mollado" e "vai en contra do interese xeral da cidadanía". Ademais, denunciou esta asociación, o interese público "superior" do Goberno galego é "o interese das grandes empresas do oligopolio eléctrico".

Nunha comunicado aos medios, a organización explica que a lexislación estatal e comunitaria sobre avaliación ambiental require que se teñan en conta todos os aspectos de calquera proxecto mantendo un carácter global e a súa integridade, o que no caso dos parques eólicos implica as súas liñas de evacuación e as súas infraestruturas asociadas, que tamén teñen un gran impacto sobre o territorio.

Neste sentido, na súa opinión, "o procedemento de avaliación ambiental queda gravemente danado coa modificación lexislativa fomentada pola Xunta da Galiza". Así mesmo, consideran que "retorce a conveniencia a lexislación comunitaria".

O proxecto de lei, explica, enmarca a reforma dentro do marco comunitario "para acelerar o despregamento de enerxías renovábeis". Mais "esquecendo que o Principio de Cautela ou Precaución é un dos piares reitores da política europea cuxo enfoque proactivo busca protexer o medio ambiente e a saúde pública".

Comentarios