O rural vigués maniféstase contra a construción dunha vía de alta capacidade en Beade

A Plataforma de Afectados polo Vial de Beade (AVIBE), á que se uniron entidades como Ecoloxistas en Acción, alega que a nova vía partirá a parroquia en dous, afectando negativamente o medio natural de Beade.
Imaxe da concentración en Vigo.
photo_camera Imaxe da concentración en Vigo.

Nos últimos días para a presentación das alegacións, continúan as mobilizacións contra o PXOM de Vigo. A veciñanza da parroquia de Beade manifestáronse hoxe contra a Ronda PO-010 vestidos con chalecos reflectantes e portando pancartas nas que reclamaban “máis rural” e rexeitaban a expropiación de vivendas para construír esta nova vía. Seguen así coa súa folla de ruta, despois de presentar case 3.000 alegacións ao novo plan urbanístico.

A nova vía partirá a parroquia en dous, afectando negativamente o medio natural de Beade, coa construción de viadutos e túneles, que afectarían principalmente aos ríos Eifonso e Barxa e á conca do Lagares

A Plataforma de Afectados polo Vial de Beade (AVIBE), á que se uniron entidades como Ecoloxistas en Acción, alega que a nova vía partirá a parroquia en dous, afectando negativamente o medio natural de Beade, coa construción de viadutos e túneles, que afectarían principalmente aos ríos Eifonso e Barxa e á conca do Lagares. 

"Vigo ten no seu medio rural un auténtico pulmón verde que cómpre preservar", engaden representantes de Ecoloxistas en Acción.

O vial conectará a rúa Clara Campoamor e a A-55 á altura da Avenida de Madrid, desconxestionando a circunvalación de Antonio Palacios e a Avenida de Castrelos.

A veciñanza desta parroquia protagonizou nas últimas semanas varias concentracións, manifestacións e andainas para denunciar a situación e informar sobre o proxecto en marcha. Ademais, denuncia "falta de diálogo e información" por parte do Concello, e critican que o vial recualificaráe terreos que pasarán de ser urbanos a ser rústicos, coa consecuente perda de valor económico.

Os barrios de Teis, Beade, Matamá, Roupeiro, Valadares, Castrelos e Bembrive están estudando a creación dunha gran plataforma que reúna as demandas comúns ante o Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado polo goberno local.

Comentarios