28-M

Rueda apela ao "sentidiño" nun acto en Ourense con Baltar e Cabezas

Dirixíndose ao empresariado durante un almorzo, o líder dos populares galegos abordou os numerosos “puntos de partida” que nestes momentos ten Ourense en materia turística e lamentou que a cidade non conte cunha estación “con condicións” pese ao “antes e despois” que supuxo a chegada do AVE.
Baltar, Rueda e Cabezas esta terza feira en Ourense (Foto: PP).
photo_camera Cabezas, Rueda e Baltar esta terza feira en Ourense (Foto: PP).

O presidente do PP estivo na mañá desta terza feira en Ourense onde puxo en valor a experiencia como alcalde de Manuel Cabezas, recordando a súa xestión á fronte do Concello das Burgas durante 12 anos: “Temos que volver a unha época de menos titulares sobre quen está gobernando e máis titulares sobre o que se está facendo”.

“A cidade de Ourense está necesitada dun alcalde que tome máis decisións e provoque menos escándalos, que xestione con menos ruído e máis eficacia, e que ofreza a estabilidade que vén do sentidiño”, engadiu.

Nesta mesma liña, Rueda concluíu que o que fai falta en Ourense é “un alcalde como Cabezas para volver transformar a cidade, recuperar o prestixio e facer que os cidadáns se sintan orgullosos tanto das cousas que se están facendo como de quen as fai”.

Dirixíndose ao empresariado durante un almorzo, o líder dos populares galegos abordou os numerosos “puntos de partida” que nestes momentos ten Ourense en materia turística e lamentou que a cidade non conte cunha estación “con condicións” pese ao “antes e despois” que supuxo a chegada do AVE.

Pola súa parte, o presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar apostou por unha cidade que “recupere o seu protagonismo no século XXI” aproveitando as súas potencialidades termais, patrimoniais e culturais: “Isto será realidade cun desenvolvemento a longo prazo que só pode realizar o PP a través do que é o mellor alcalde da cidade, Manuel Cabezas”.

A foto con Baltar

Rueda, ao igual que fixera no inicio da campaña, non ‘escapou’ á foto con Baltar a pesar deste ter sido ‘cazado’ conducindo a 215 quilómetros por hora nun vehículo oficial.

O candidato á Alcaldía ourensá recordou que ao longo dos últimos 16 anos Ourense tivo un goberno bipartito, un goberno en minoría e un goberno de coalición.

“O Concello está e quebra, con 120 millóns gastados sen criterio. Non hai obras substanciais de futuro, só deterioro. Por iso hai que facer unha auditoría económica e administrativa e poder xestionar o que vén por diante”, explicou.

Comentarios