28-M

Rueda defende que en Pontevedra "toca cambio" e gaba a política turística da Xunta

"Que sería a día de hoxe da Pontevedra turística sen o Xacobeo? É moita a xente que non tería ocasión de coñecernos se non fose a través do Camiño de Santiago", afirma o presidente galego, nun encontro en Pontevedra para apoiar o candidato local do PP, Rafael Domínguez.
Alfonso Rueda arroupou Rafael Domínguez esta segunda feira en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Alfonso Rueda arroupou Rafael Domínguez esta segunda feira en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, prosegue esta segunda feira a súa ruta polo país para apoiar os candidatos e candidatas 'populares' para as eleccións do 28 de maio en diferentes municipios. A primeira hora foi a quenda de Pontevedra, onde protagonizou un encontro co sector hostaleiro e turístico acompañado polo cabeza de lista da súa formación na cidade, Rafael Domínguez.

Rueda enxalzou o labor de Domínguez na oposición pontevedresa durante os últimos catro anos, e asegurou que "está en disposición de darlle a Pontevedra o cambio que merece". "En Pontevedra toca cambio, toca alguén que teña ganas e ideas, que saiba escoitar a todo o mundo, que queira volver abrir a cidade e que saiba explotar todas as posibilidades que ofrece. Alguén que mire cara o futuro e non cara o pasado", defendeu.

Na mesma liña, o presidente galego, gabou o "modelo de éxito do Xacobeo" e atribuíu os logros de Pontevedra á xestión do turismo por parte da Xunta: "Que sería a día de hoxe da Pontevedra turística sen o Xacobeo? É moita a xente que non tería ocasión de coñecernos se non fose a través do Camiño de Santiago", subliñou.

Pontevedra, dixo, ten a "necesidade" de "aproveitar todas as potencialidades turísticas" e de apostar por tornar en "cidade motor e capital de comarca". "Temos que centrarnos en ofrecer calidade e apostar polo turismo sostíbel para que a xente elixa Pontevedra e Galiza como destino fundamental. Xa o están a facer e ímolo seguir canalizando con medidas de promoción intelixentes. Pero para iso hai que ofrecerlles unha cidade de futuro", insistiu.

Pola súa parte, o candidato local quixo na súa quenda agradecer ao sector "o seu incansábel labor por facer desta cidade un lugar próspero e acolledor", nomeadamente durante a pandemia da Covid-19. "Demostraron a súa valentía e compromiso coa cidadanía, e hoxe reitérolles o meu recoñecemento por todo o que fixeron", salientou.

Rafael Domínguez lamentou que BNG e PSOE "votasen en contra" ao longo deste mandato de medidas presentadas polo PP encamiñadas a "apoiar a hostalaría" durante a pandemia, "como axudas á contratación, subvencións para o alugueiro de locais e mesmo que non tivesen que pagar as taxas municipais se estaban fechados".

Após presentar diferentes propostas para o sector como rebaixar a taxa de lixo, "mellorar" a distribución das terrazas ou unha deducción de 10% no IBI para a hostalaría da cidade, fixo alusión á "frustración" que ao seu xuízo supón "enfrontarse a trabas burocráticas para obter unha licenza en Pontevedra".

"Propoño a organización de actos culturais e gastronómicos que atraian os visitantes e dinamicen a nosa cidade. Potenciaremos a oferta de eventos temáticos e promoveremos a colaboración con estabelecementos para garantir o éxito destas actividades e o fortalecemento do sector hostaleiro de Pontevedra. Debemos conceder maior importancia á Semana Santa e ao Nadal, con plans específicos para esas celebracións. Ademais, o Santuario das Aparicións debe ser un enclave fundamental na promoción da cidade", precisou, ao tempo que avanzou que, no caso de alcanzar o poder tras o 28-M, a súa primeira medida sería a reapertura "inmediata" do vial de Raíña Victoria.

Visitas a Vigo, Ames e Cangas

Xa contra o mediodía Rueda desprazouse até Vigo para trasladar o seu apoio á candidata do PP, Marta Fernández-Tapias, xunto a quen realizou un percorrido a pé polo centro da cidade. Ás 19.30 horas está previsto que acompañe a candidata de Ames (comarca de Santiago), Oliva Agra, no Pazo da Peregrina, e ás 21.30h estará en Cangas (O Morrazo) nun mitin do candidato 'popular' José Enrique Sotelo, no Audiotorio Xosé Manuel Pazos.

Comentarios