28-M

Rueda reivindica en Ames o PP como o partido que "máis defende as familias"

Rueda asegurou que os veciños de Ames están “cansos dun Goberno municipal que goberna dando ás costas á veciñanza e dun tripartito que antepón os seus intereses aos dos votantes, e que por iso o concello necesita un cambio”.
Oliva Agra e Alfonso Rueda esta segunda feira (Foto: PP).
photo_camera Oliva Agra e Alfonso Rueda esta segunda feira (Foto: PP).

Alfonso Rueda visitou esta segunda feira o concello de Ames e reivindicou o seu partido como “o partido que máis defende as familias”.

Sobre Oliva Agra, candidata dos populares á Alcaldía amesá e o seu equipo, afirmou ver neles a “ilusión por traballar cada día na busca do mellor para os seus veciños, as ganas de construír un concello máis integrador, con emprego e que non esqueza a ninguén; e a seguridade de que o Ames do futuro ten que ser un lugar de oportunidades e non de problemas como até o de agora”.

Neste sentido asegurou que os veciños de Ames están “cansos dun Goberno municipal que goberna dando ás costas á veciñanza e dun tripartito que antepón os seus intereses aos dos votantes, e que por iso o concello necesita un cambio”.

Para o presidente do PP, Oliva Agra é a “única alternativa para mudar as tornas en Ames, xa que coñece mellor que ninguén as necesidades desta vila, leva anos traballando a prol dos intereses dos veciños e ten ampla experiencia en xestión”.

Rueda salientou que as “alianzas de perdedores” nas urnas nunca son “boas para ninguén, salvo para eles mesmos” e que, fronte a isto, “votar ao PP é a única garantía dun goberno estábel, útil e de fiar tanto en Ames como nos 313 concellos da Galiza”

“Un Ames atractivo”

A candidata á Alcaldía amosou o seu orgullo amesán: “Hai que presumir de vivir en Ames, hai que presumir de ser de Ames e hai que presumir de Ames”.

“Queremos que Ames sexa un lugar atractivo en todos os sentidos: económico, deportivo, social... Un lugar onde a xente nova queira vir formar unha familia ou a vivir coa súa familia e poder atopar todo o que precisan para os seus fillos”, explicou sobre os seus obxectivos.

Agra apostou por un Ames con máis e mellores servizos para conciliar, para facer a vida máis fácil tanto aos que viven na cidade como aos que buscan nel un lugar no que desenvolver as súas vidas.

Comentarios