Alfonso Rueda espera que Baltar "non opte" a seguir na presidencia do PP de Ourense

O presidente do PP galego avanza que "haberá outros candidatos".
O novo Goberno galego esta quinta feira, após a toma de posesión dos novos conselleiros. (Foto: Arxina)
photo_camera O novo Goberno galego esta quinta feira, após a toma de posesión dos novos conselleiros. (Foto: Arxina)

O presidente da Xunta e do PP galego, Alfonso Rueda, defende que Manuel Baltar, quen xa renunciou a seguir á fronte da Deputación de Ourense, tamén abandonará a presidencia do partido da provincia de Ourense. Así o manifestou esta quinta feira a preguntas da prensa após a reunión semanal en San Caetano do Goberno galego. "Cando se realice o novo congreso [do Partido Popular nesa provincia] seguro que Baltar non optará", manifestou Rueda. 24 horas antes, Rueda agradeceu o paso dado polo dirixente ourensán de non optar á presidencia da Deputación de Ourense e incidiu en que os ciclos teñen un principio e un final. "Haberá outros candidatos e os compañeiros terán que decidir", dixo o presidente do PP. Rueda evitou concretar unha marxe temporal para a celebración dun congreso do PP en Ourense, que non será "inmediato", xa que os populares teñen outras prioridades electorais inminentes.

Os estatutos do PP fixan que os congresos teñen lugar cada tres anos e o último provincial foi en setembro de 2021, polo que o que o seu mandato formalmente non esgotaría até o mesmo mes de 2024. Con todo, Rueda deu a entender que a previsión non é estender durante todo ese tempo a dirección de Baltar. De feito, lembrou que non sería a primeira vez que os populares adiantan os conclaves en función doutros intereses. En canto a quen substituirá Baltar como candidato do PP á Deputación de Ourense, Rueda evitou concretar e limitouse a esgrimir que hai "canteira". En concreto, foi preguntado polo rexedor de Pereiro de Aguiar, Luís Menor, do que dixo que lle parece "un magnífico candidato". Iso si, a continuación, precisou que hai "moitos outros" que tamén o serían e lembrou que o alcalde vai nas listas ao Senado.

En todo caso, asegurou que "non está garantida" a presidencia da Deputación de Ourense para o PP porque "non hai ningún tipo de pacto". "Imos tentar  [ter a Presidencia] e creo que lexitimamente temos dereito con eses resultados", esgrimiu.

Cesamentos e nomeamentos

O Goberno galego tivo esta quinta feira unha reunión semanal "especial", non só polos cambios nas cadeiras do Consello  senón porque o Executivo aprobou varios cesamentos e nomeamentos como consecuencia das eleccións municipais do 28 de maio. Así, tras a renuncia de 16 integrantes da candidatura do PP de Rodeiro que permitirán coller unha acta de concelleiro e poder presidir a Deputación, Luís López, cesou como delegado territorial da Xunta en Pontevedra. Ocupará o seu posto o até o de agora rexedor de Soutomaior, Agustín Reguera, quen non conseguiu reter a Alcaldía o 28-M. gañada polo BNG.

Tamén se aprobou o cesamento da viguesa Marta Fernández-Tapias, necesario para poder entrar no Consistorio vigués. O recambio será Ana Ortiz, até o de agora secretaria territorial da Delegación da Xunta en Vigo.

No Concello de Vigo entrará tamén Fernando González, que cesa como director xeral de Maiores. Tamén deixa a dirección de Turismo Nava Castro, candidata do PP en Ponteareas; e Susana López Abella abandona a Secretaría Xeral de Igualdade —a lista correrá pola provincia de Lugo e entrará na Cámara galega como deputada—.

Primeiro día de traballo do novo Goberno galego

Alfonso Rueda presidiu a toma de posesión do seu novo Goberno, coas incorporacións de Elena Rivo como titular da Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade e Alfonso Villares, como máxima autoridade de Mar. Tamén supuxo a despedida do vicepresidente primeiro, Francisco Conde, e da titular de Mar, Rosa Quintana, que se incorporan ás listas do PP ao Congreso pola chamada de Alberto Núñez Feixoo.

"Non creo que a política estatal sexa mellor que a galega, mais estamos a escribir as primeiras liñas dun Goberno central que atenda doutra maneira, que ten que ser mellor, as necesidades e intereses da Galiza", proclamou Rueda, quen tamén se referiu aos "meses intensos" que quedan por diante ao novo Goberno que esta quinta feira tomou posesión. "Aquí hai que traballar desde o minuto un", afirmou.

Comentarios