18-F

Rueda pide en Lugo o voto para lograr unha "maioría suficiente" e centra os seus ataques no programa do BNG

"O que está a pasar en España é unha copia do que queren facer aquí, exactamente cos mesmos protagonistas. Un PSOE que di amén con tal de manter o posto en Madrid e un independentismo socio dos que están a facer isto en Catalunya", afirma o presidente da Xunta e candidato do PP á reelección.
Alfonso Rueda, esta cuarta feira, nun mitin electoral do PP en Lugo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda, esta cuarta feira, nun mitin electoral do PP en Lugo. (Foto: Europa Press)

O presidente da Xunta da Galiza e candidato do PP á reelección nas eleccións do vindeiro 18 de febreiro, Alfonso Rueda, solicitou esta cuarta feira en Lugo o apoio da cidadanía para lograr nas urnas unha "maioría suficiente" fronte a un "independentismo socio de Catalunya" que, dixo, "non lle convén á Galiza".

"O que está a pasar en España é unha copia do que queren facer aquí, exactamente cos mesmos protagonistas. Un PSOE que di amén con tal de manter o posto en Madrid e un independentismo socio dos que están a facer isto en Catalunya", declarou Rueda, para acto seguido augurar "peor fortuna" aos nacionalistas galegos argumentando que "os que mandan non son os de aquí, senón os de alí: os cataláns e, un pouco, os vascos".

As declaracións do líder do PP na Galiza tiveron lugar no marco dun almorzo con representantes da sociedade luguesa decorrido no Eurostars Gran Hotel de Lugo, que Alfonso Rueda aproveitou para debullar algunhas das liñas dun programa electoral composto, indicou, por 872 medidas "realizábeis e con apoio orzamentario".

"Hai que ter orzamento, cousa que aquí temos e en España aínda non", puntualizou Alfonso Rueda, antes de agregar, facendo alusión novamente á situación en Catalunya, que "non haberá Lei de Orzamentos en España até que non haxa Lei de Amnistía para Puigdemont".

"Totalitarismo ideolóxico"

Rueda, que tomou a palabra despois da intervención do número 1 do PP pola circunscrición de Lugo, Elena Candia, da que valorou o seu "compromiso coa cidade" e á que non quixo chamar "conseguidora" xa que ese título —manifestou, con ironía e en relación ao candidato socialista, José Ramón Gómez Besteiro— "xa hai quen o ten autoatribuído", centrou os seus ataques no programa electoral do BNG.

"Preocúpame que o BNG leve no seu programa a substitución das provincias e non creo que a Lugo lle conveña que desapareza a estrutura das provincias. Iso está no programa do BNG aínda que non o queiran contar. Como tamén está a imposición monolingüística ou a reivindicación da independencia", manifestou Rueda, para despois indicar que "aínda que non poidan cambialo, o independentismo catalán está a conseguir impornos a todos cousas que tampouco queremos".

Tamén denunciou o presidente da Xunta da Galiza o "totalitarismo ideolóxico" do que fai gala, ao seu xuízo, "o BNG", ao "dicir que non se pode autorizar na Galiza un só parque eólico máis". "Se non o facemos aquí vano a facer noutros sitios. Esa formulación demagóxica de dicir 'eólicos si, pero non así' non é máis que un slogan paralizante", asegurou Alfonso Rueda.

O líder dos populares galegos, que acusou tamén a formación encabezada por Ana Pontón de "turismofobia" por lanzar a "mensaxe absurda" e o "slogan paralizante" de que "Galiza está a saturarse de turistas e que xa non necesitamos máis", incidiu durante a súa intervención na necesidade de abrir as portas aos visitantes para "consentir" unha industria que representa máis de "7% do PIB" da Galiza.

Sanidade e educación

Alfonso Rueda centrou boa parte da súa intervención —que se prolongou durante máis de media hora— a realizar un repaso aos investimentos realizados durante o seu mandato e aos compromisos reflectidos no seu programa electoral en materia de sanidade, educación, vivenda e infraestruturas.

Así, o candidato do PP cualificou de "disparate" e de "mantra dos partidos da oposición" a denuncia do estado en que se atopa a sanidade pública na Galiza e destacou o "alto investimento" realizado durante a última lexislatura. "A oposición está empeñada en dicir que temos unha sanidade terceiromundista, propia dos países africanos. Os 1.400 millóns de euros máis que destina a sanidade este goberno en relación ao que destinaba o bipartito desmenten ese mantra", proclamou.

Tamén fixo fincapé durante o seu discurso Rueda na importancia de "seguir sendo pioneiros en materia de educación", en relación á gratuidade das matrículas. "A partir do curso que vén implantaremos a gratuidade nas matrículas universitarias para os que vaian aprobando ano por ano", manifestou Rueda, para acto seguido precisar que o obxectivo é fomentar a "cultura do esforzo" xa que "non temos que pagar entre todos", puntualizou, "as matrículas dos que non se queren esforzar".

Rueda, que se volveu a comprometer durante a súa intervención en Lugo a "duplicar en catro anos o parque de vivendas actual", culminou a súa intervención demandando, como obxectivo "capital", unhas "conexións ferroviarias adecuadas para a cidade de Lugo" e instando o Goberno estatal a apoiar a execución do proxecto de Altri en Palas de Rei, unha iniciativa que deu en cualificar como "o maior proxecto empresarial que temos na Galiza".

Comentarios