Vilanova dos Infantes reivindica a Romaría Raigame como "acto central" do 17 de maio

Vilanova dos Infantes, en Celanova (Terra de Celanova), celebra desde hai vinte anos o Día das Letras Galegas coa súa Romaría Etnográfica Raigame. Nesta 21 edición milleiros de persoas encheron o casco histórico de Vilanova para recrear unha reunión social “en defensa do idioma, a cultura e os oficios tradicionais da Galiza, que se están perdendo”.
Danzantes de Vilanova dos Infantes, esta sexta feira, na Romaría Etnográfica Raigame. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Danzantes de Vilanova dos Infantes, esta sexta feira, na Romaría Etnográfica Raigame. (Foto: Nós Diario)

A Romaría Raigame é Festa de Interese Turístico da Galiza. Máis dun cento de persoas organizan cada edición e este ano contou cun total de 120 postos tanto no interior coma no exterior do burgo vilanovense. Obradoiros de bixutería, coiro, vidro, madeira, olería, tecidos e postos de venda de vexetais, gastronomía e bebidas ofreceron ás e aos asistentes unha mostra perfecta da tradición, a artesanía e os produtos da Galiza. Desde distintos puntos da Galiza, Asturias, León, Zamora e Portugal, chegou esta sexta feira a Vilanova dos Infantes público disposto a desfrutar e conmemorar as Letras Galegas.

Un paseo por Vilanova dos Infantes un 17 de Maio ofrece ás e aos visitantes non só o desfrute dun dos cascos urbanos máis antigos do país, senón a oferta con máis dun cento de postos que aproveitan esta romaría para amosar ás persoas asistentes os oficios e obradoiros artesanais máis importantes do país.

Este edición tiña como protagonistas os doces, polo que obradoiros artesáns, panadarías e pastelarías foron quen de satisfacer a ansia de azucre coa que moitas se achegaron a Vilanova dos Infantes. Porén, non todo foi gastronomía e oficios artesanais: a música e a danza tradicionais desta zona do país foron quen de reunir as persoas visitantes (con permiso dos momentos de escampe sen choiva) arredor dos famosos danzantes de Vilanova dos Infantes e a súa Banda de Música. Na edición deste ano entregouse tamén o premio honorífico desta festa a Concepción Fernández, en recoñecemento ao obradoiro que durante máis de 50 anos rexentaron as súas irmáns Virxinia e María (coñecidas na vila coma “As Isolinas”) na rúa Botica de Celanova.

E como do que se trata é de coñecer e visitar a tradición e o pasado, a Torre da Homenaxe de Vilanova volveu ser este ano un dos espazos máis concorridos da romaría. Con motivo da festa a torre acolleu esta sexta feira exposicións e visitas guiadas por canteiros, que explicaron in situ os segredos que agochan as pareces e muros do burgo medieval.

Concurso fotográfico

Ao longo da xornada fíxose habitual atopar nos distintos recunchos do casco urbano de Vilanova persoas apostadas con cámaras fotográficas ou ben armadas só cos seus teléfonos tentando inmortalizar a mellor imaxe ou vídeo curto da celebración desta XXI Romaría Etnográfica Raigame. A explicación a tal afección por obter a instantánea que mellor capten a esencia deste encontro ten a ver co concurso de fotografía convocado pola organización.

Tamén a veciñanza de Vilanova, á que Concello e Deputación agradeceron a implicación na festa, estaba convocada a competir, decorando os exteriores das súas vivendas. As fachadas e cada recuncho con propiedade da vila engalanáronse para “recuperar a vella tradición de decorar as casas para as grandes festas e romarías”. Os mellores, tamén terán premio.

Vilanova dos Infantes gábase tamén nesta feira doutros dos seus maiores tesouros, como a misteriosa Adega San Vivián, reconstruída polo obradoiro de emprego dos Infantes e con semellanzas non aclaradas cientificamente coas antigas sinagogas xudías. É unha adega tradicional escavada nunha cova que mantén a súa estrutura orixinal e está rehabilitada cun espazo expositivo. Tamén foi esta sexta feira protagonista o Centro de Interpretación dos Zapateiros, un espazo para dar a coñecer os antecedentes históricos do burgo medieval de Vilanova e explicar a incidencia económica e social que tivo esta vila na artesanía do calzado.

A Deputación de Ourense, o Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, o Concello de Celanova e a veciñanza encárganse desde o ano 2002 de que esta romaría siga adiante. O presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, explicou a Nós Diario durante a celebración desta romaría que é “a máis completa de todas as festas da Galiza por todos os oficios representados, as tradicións, as artes e as actuacións”, polo que asegurou que reivindicará o seu recoñecemento dentro dos actos oficiais que cada ano acolle o país con motivo do 17 de Maio.

Comentarios