Debate na CRTVG: O “non me votes” de Rueda triunfa nas redes... ao seu pesar

O minuto final do presidente e candidato do PP viralizouse nas redes, mais non polo que gostaría a Rueda.

rueda
photo_camera Alfonso Rueda nun momento do debate

Os expertos en comunicación política teiman na importancia das mensaxes curtas e directas nos debates electorais que sexan fáciles de asimilar e reter pola audiencia.

O candidato do PP a revalidar na Presidencia da Xunta da Galiza cumpriu onte á perfección ese consello durante o seu minuto final no debate organizado pola CRTVG. Mais esa mensaxe curta e directa, que axiña anegou as redes sociais, volveuse en contra del.

O retrouso de “non me votes” co que Rueda ía finalizando as súas frases no minuto de ouro (“se queres un presidente que te engane, non me votes”, “se queres un presidente que divida os galegos, non me votes”...) ficou para as redes como unha frase curta e redonda “non me votes”.

Así que axiña houbo chíos a eito co vídeo de Alfonso Rueda dicindo “non me votes” e non poucos usuarios e usuarias agradecendo ao presidente a súa sinceridade".

“Grazas a Alfonso Rueda e o Partido Popular por ser honestos…”, afirmaba @CrisGuez25; ou “Moi ben Rueda dándolle aos equipos de redes da oposición a oportunidade de traballar cun vídeo no que di "non me votes", de @Xan_Guindan, entre outros.

 

 

Comentarios