Consello da Xunta

Rueda ignora as denuncias de Contas na compra de máscaras e defende a súa amizade co dirixente do organismo

O presidente defende que "xamais se puxo en dúbida a súa independencia" pola amizade persoal que mantén co conselleiro maior do Consello de Contas, Juan Carlos Aladro.
Alfonso Rueda nos corredores de San Caetano (Foto: Arxina).
photo_camera Alfonso Rueda, esta quinta feira, nos corredores de San Caetano. (Foto: Arxina)

Alfonso Rueda defendeu na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta da Galiza desta quinta feira a xestión do Goberno galego na compra de material sanitario durante a pandemia do coronavirus. Interpelado polos medios sobre un informe do Consello de Contas da Galiza de 2023 que cuestionaba os procesos de contratación e adxudicación do material e das máscaras sanitarias durante a pandemia por parte da Xunta, non desmentiu os feitos recollidos no relatorio, mais sinalou que as súas recomendacións foron asumidas noutras anualidades. Dixo que “todas as consideracións” formuladas polo organismo fiscalizador son asumidas polas autoridades galegas.

O informe recollía en relación coa área sanitaria de Compostela, cuxa xerente é Eloína Núñez —curmá de Alberto Núñez Feixoo—, que “todas as adquisicións relativas ao capítulo II dentro do proxecto de gasto Covid efectuáronse en 2020 mediante pedidos directos a provedores non amparados en ningún expediente de emerxencia, coa consecuente vulneración normativa en moitas das adquisicións”.

A amizade de Rueda co responsábel de Contas

Rueda defendeu a amizade que mantén desde "hai moitísimos anos" co conselleiro maior do Consello de Contas, Juan Carlos Aladro, e asegurou que "xamais se puxo en dúbida a súa independencia" por tal motivo. Así respondeu ao ser preguntado sobre unha foto que colgou en redes sociais o domingo facendo deporte con varias persoas, entre elas o máximo responsábel do órgano encargado de fiscalizar as contas do Goberno galego.

Aliás, Rueda defendeu a continuidade do ex presidente da Deputación de Ourense José Manuel Baltar como senador do PP, en base “á presunción de inocencia”, malia reclamar a maxistrada do Supremo Ana Ferrer un suplicatorio para procesalo por un delito contra a seguridade viaria.

Escolas infantís

O Goberno galego  avanzou que “abrirá a vindeira semana” o período de solicitude de prazas nas escolas infantís de 0 a 3 anos da rede pública. O prazo de solicitude estará aberto até o 5 de abril. Como novidade, as nenas e os nenos con ambos proxenitores traballando terán maior preferencia. 

Comentarios