Alfonso Rueda di que o plan contra incendios "estaba perfectamente preparado" malia arder xa tres veces máis do previsto para este ano

O presidente anunciou a posta en marcha dunha valoración dos danos causados polos lumes para, de cara á vindeira semana, impulsar axudas para as afectadas.

axudas
Alfonso Rueda esta segunda feira, 18 de agosto, presididno a reunión en San Caetano para activar as axudas polos lumes. (Foto: Arxina)

O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais da Galiza (Pladiga) foi aprobado en maio, apenas unhas semanas antes de que comezase a tempada de alto risco de lume e cando este plan debería estar xa aprobado a finais do ano pasado. Porén, para o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, este atraso non parece relevante.

“Todos os anos apróbase máis ou menos nas mesmas datas”, respondeu a Nós Diario, que lle preguntou se iso non debilitaba a loita contra o lume. “Cando empezou a tempada de lumes”, dixo o presidente, “a planificación, que iso é o Pladiga, estaba todo perfectamente preparado”.

Porén, e malia esa planificación á que alude o titular da Xunta, a superficie que segundo cifras desde 18 de agosto calcinara a vaga de lumes na Galiza –ao redor de 63.000, superior á superficie total calcinada no país en 2017 e en 2022– ficaba moi por riba das previsións que o Pladiga fixo para este ano.

Esas 63.000 hectáreas multiplican por 3,5 as que calculaba o Plan contra incendios da Xunta que ía arder en 2025: 18.555 hectáreas. Un cálculo que fixeron en base á media do terreo queimado na última década.

Tamén contempla o plan da Xunta que este ano non haxa na Galiza máis de 307 incendios, unha cifra que, ao que se está a ver nesta última semana, pode ser amplamente superada.

Recoñece que hai prazas vacantes

Nós Diario tamén preguntou ao presidente polas denuncias sindicais sobre as perto de 200 prazas sen cubrir no servizo contraincedios. “Cada un saberá o que ten que facer en cada momento. Nestes momentos eu agradezo aos miles de efectivos que están traballando contra a o lume, dándoo todo e deixándose a pel, que é o que compre agora mesmo”, dixo.

“Admito todas as críticas, xa chegará o momento de respostalas. Nesta en concreto, as prazas non cubertas eran por baixas, fanse chamamentos continuos para cubrilas e tamén son criticados. Xa haberá tempo de responder a iso con clama e datos”, concluíu Rueda, recoñendo desta forma que si quen había vacantes sen cubrir.

Axudas

O titular da Xunta compareceu esta segunda feira ante os medios após a reunión en san Caetano na que se puxo en marcha o procedemento para aprobar as axudas para daminificados pola vaga de lumes. “Queremos lanzar as axudas canto antes”, dixo o presidente, polo que van comezar xa a facer unha valoración dos danos.

Así, detallou que a Axencia Galega de Emerxencias (Axega) realizará a avaliación dos danos para que as diferentes consellarías poidan proceder a facer as súas convocatorias e aprobalas no Consello previsto a vindeira semana para "que se abra o prazo de petición".

"O nivel 3 non é necesario"

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, afirmou que solicitar o nivel 3 de emerxencia non suporía máis medios para a extinción dos incendios e defendeu a coordinación por profesionais desde a Galiza, "que son os que mellor coñecen o terreo e os lumes".

A preguntas dos medios, o titular do Goberno galego insistiu en que se o nivel 3 supuxese máis medios "non tería ningunha dúbida" en solicitalo, mais "non é necesario". "Onte [polo domingo] mesmo o presidente do Goberno español dicía que vai atender todas as solicitudes que está a facer a Xunta e estamos no nivel 2, así que sería incomprensíbel que se estivesen reservando medios á espera de que houbese un nivel 3. Son necesarios agora", reivindicou.

Nesta liña, defendeu que a Administración autonómica ten "persoal técnico moi cualificado" para coordinar toda a extinción, xa que, asegurou, conta "co mellor servizo de extinción de todas as comunidades" e son "os que coñecen o terreo, os lugares, o comportamento do lume e a contorna". Por tanto, reiterou que o que se necesitan son "máis medios", sobre o que apuntou que, ademais, díxoselles que "non había máis que os das Forzas Armadas", que son, engadiu, os que está a pedir a Xunta e que quere que cheguen "canto antes".

"O nivel 3, recoñecido polo propio Goberno estatal, que sería quen tería que facerse cargo, non suporía máis medios e a coordinación da Xunta está a ser realizada polos profesionais que mellor coñecen o terreo e os lumes en Galicia e son os que mellor o están dirixindo", aseverou.

Por último, volveu a insistir en que se necesitan máis medios, que chegan "a contagotas". "Se alguén se está reservando medios esperando algún tipo de petición non tería perdón e non tería explicación", resolveu.

Comentarios