Os incendios non dan tregua: máis de 63.000 hectáreas queimadas en 10 días superan a superficie total calcinada na Galiza en 2017 e en 2022
Os de Larouco e Oímbra son xa, tras Chandrexa, os maiores da historia da Galiza.
Os lumes sen control que arrasan Oímbra e Xinzo de Limia, que se uniron nun único foco, e o de Larouco xa figuran entre os maiores da historia da Galiza ao alcanzar, cada un deles, as 12.000 hectáreas calcinadas.
Segundo as cifras recollidas no último parte da Consellaría do Medio Rural, a onda de incendios que arrasa a Galiza superaba este domingo as 60.000 hectáreas queimadas.
O incendio de Chandrexa de Queixa, nas parroquias de Requeixo e Parafita, que se uniu co de Vilariño de Conso, na parroquia de Mormentelos, afecta 17.5000 hectáreas, o maior da Galiza desde que hai rexistros.
Pola súa parte, os lumes de Oímbra e Xinzo de Limia, das parroquias da Granxa e Gundín que se uniron nun único foco, calcinan 12.000 hectáreas e xa son dos maiores da historia da Galiza.
Ademais, o de Larouco, parroquia de Seadur, tamén é dos maiores da historia do país ao queimar 12.000 hectáreas en territorio galego e é que este lume pasou a Xestoso, en Castela e León.
Tamén continua activo o incendio de Maceda, no que se uniron o da parroquia de Santiso e o de Castro de Escuadro, que xa arrasa as 3.000 hectáreas.
O da Mezquita, parroquia da Esculqueira calcina as 10.000 hectáreas; o de Vilardevós, na parroquia de Vilar de Cervos (900 hectáreas); o de Vilardevós, parroquia de Moialde (500 hectáreas); o de Vilardevós, parroquia de Fumaces e a Rube (100 hectáreas); o de Carballeda de Avia e Beade, parroquias de Vilar de Condes e As Regadas (2.500 hectáreas); e en San Cibrao das Viñas, parroquia de Rante (60 hectáreas).
Están estabilizados os incendios de Agolada, parroquia do Sexo (400 hectáreas); Cervantes, parroquia de Vilarello (150 hectáreas); O Saviñao, parroquia de Chave (60 hectáreas); en Muxía (23 hectáreas); e en Montederramo, parroquia de Paredes (120 hectáreas).
Permanecen controlados os lumes de Toques, na parroquia de San Martiño de Oleiros (300 hectáreas); o da Fonsagrada, parroquia de Monteseiro (150 hectáreas); e o de Verín, parroquia de Mourazos (9 hectáreas).
A Consellaría do Medio Rural confirma que están extinguidos os incendios forestais de Dozón, parroquia do Castro (300 hectáreas) e o da Estrada, parroquia de Souto (28,23 hectáreas).
En pouco máis de 10 días, coincidindo cunha vaga de calor que favoreceu o lume e comprometeu a extinción dos incendios, a superficie queimada na Galiza xa supera a superficie total calcinada en 2017, cando arderon 62.096 hectáreas, e en 2022, cando se calcinaron 51.642 hectáreas.

