72 horas de loita contra o lume no Ribeiro: "É horríbel, xa non podemos máis, necesitamos axuda, por favor"
A veciñanza de Vilar de Condes, en Carballeda de Avia (O Ribeiro) leva tres días de combate contra o lume que cercou este lugar. "Non hai medios, andamos os veciños con caldeiros e pólas", afirma unha afectada a este xornal.
O lume chegou a Vilar de Condes, en Carballeda de Avia (O Ribeiro), o pasado día 15. "Estabamos na comida popular pola festa e tivemos que saír correndo para apagalo", explica a Nós Diario Yoa Meiriño, veciña deste lugar. Desde entón e até esta segunda feira, a veciñanza de Vilar de Condes combate as chamas, que chegaron a cercar as casas. "Parece que en Vilar de Condes a cousa hoxe calmou un pouco, pero o perigo non desaparece e agora está en Muimenta e A Veronza", indica esta moza.
O domingo foi o peor día, afirma. "Levamos tres días horríbeis", confesa, "ardía perto das casas e non había medios, os veciños correndo dun sitio para outro para poder atallar o lume". Meiriño advirte de que en Vilar de Condes están "esgotados física e psiquicamente".
"É horríbel, xa non podemos máis, necesitamos axuda, por favor", di. Os veciños e veciñas fan garda polas noites atentos a que poida haber novos focos. "Volve arder en sitios que xa se tiñan por controlados", indica, "e non hai medios, hai tantos incendios estes días en tantos sitios que non se dá abasto". "Non temos nada, andamos con caldeiros e pólas", informa.
Meiriño indica que as perores situacións foron polo día, "coa calor, con todo cheo de fume". E tamén apunta un dato de interese: "Tivemos sorte que este incendio coincidise coa ponte festiva, porque por aquí nas aldeas a maior parte do ano só hai persoas maiores". Mais nestes días festivos había moita xente moza que volvía para pasar uns días coa familia e que se implicou a fondo no combate dos incendios: "En Vilar de Condes poden ser 70 veciños todo o ano, mais nestes días eramos moitos máis".
O monte que rodea este lugar está composto sobre todo por piñeiros, unha especie que favorece a expansión do lume, aínda que tamén hai pequenas zonas de carballos e de eucaliptos. O fogo obrigou a evacuar veciños e veciñas de núcleos como A Veronza.
A rapaza conta como o domingo estaba axudando a que as chamas non chegasen á casa dos seus sogros cando recibiu unha chamada da súa nai avisando de que o lume "estaba chegando" á súa casa. "Fun para alí correndo, son 5 quilómetros, e no traxecto ía chamando por teléfono a veciños para fosen aí axudar. Cando cheguei, alí estaban os veciños controlando o lume". A veciñanza, unha vez máis, foi a que salvou unha casa ameazada polas chamas. "A verdade é que os veciños, moi ben. Só fai falta avisar nun caso así e aparece todo o pobo", agradece.
Segundo as estimacións da Consellaría de Medio Rural, a primeira hora desta segunda feira, o incendio de Carballeda de Avia e Beade, nas parroquias de Vilar de Condes e das Regadas, queimara xa ao redor de 2.500 hectáreas.
