Rueda defende unha "única voz" das comunidades da cornixa cantábrica

Cimeira dos presidentes da Galiza, Asturies, Cantabria e Euskadi.
photo_camera Miguel Revilla, Íñigo Urkullu, Alfonso Rueda e Adrián Barbón (Foto: Nós Diario)

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu que a Galiza, Euskadi, Cantabria e Asturies teñan que ter unha "voz única" en "temas comúns" como o impulso do corredor atlántico, o gasoduto de hidróxeno verde, a eólica mariña, o reto demográfico e a denominada especialización intelixente.

Con esta unión, esta 'macrorexión', a xuízo de Rueda, "pódese escoitar con forza" en asuntos nos que ten "razón" ou nos que, en calquera caso, considera "necesario trasladar" a súa postura. "Mentres os demais únense, nós non podiamos deixar de facelo", reivindicou durante a súa comparecencia canda o lehendakari Iñigo Urkullu e os presidentes de Asturies, Adrián Barbón; e de Cantabria, Miguel Ángel Revilla; na cimeira que onte reuniu os catro mandatarios en Euskadi.

"Mensaxes conxuntas"

Por "riba de calquera interese partidista" está "a defensa" dos seus territorios, segundo incidiu o titular da Xunta, antes de referirse en concreto ás conexións ferroviarias e ao cume con Asturias e Castela e León realizada hai un mes en Santiago. "Desde logo, tivo efecto", apuntou, en referencia ao nomeamento dun comisionado. 

Por iso, subliñou que cre "moito" en "estas mensaxes conxuntas" e, máis aló do que se traslade, da existencia dunha "acción coordinada" por detrás, para que esta chegue a "quen teña que tomar decisións", en alusión ao Goberno español.

No tocante ao desenvolvemento da eólica mariña, afirmou que "está a chegar para quedar" e mostrouse "seguro" de que tamén interesa "ao resto" de comunidades da cornixa cantábrica. 

Reto demográfico

Por último, e a respecto do reto demográfico, Alfonso Rueda apuntou a "medidas conxuntas" entre estas comunidades con "iniciativas moi interesantes" e a modo de resumo apostou por que esta rexión estea "conectada en infraestruturas, en enerxía, humanamente e socialmente". 

Comentarios