Opinión

De corredores e trens

Escribes, Vicent, sobre o corredor ferroviario do Atlántico. Efectivamente, o nome é unha burla para todas as galegas e galegos. Lémbrame ao acontecido coa Autovía do Cantábrico, que de Cantábrico pouco ten, pois Fraga quixo levar o trazado pola súa Vilalba natal, deixando parte da comarca da Mariña sen unha conexión viaria tan necesaria para estruturar o norte galego.

No caso que nos ocupa, anunciaron, en primeiro lugar, un corredor Atlántico cuxa principal vía ir de Irún a Madrid, como se o Atlántico chegase á capital española. Nese primeiro trazado, Galiza ficaba excluída e non nos resulta estraño á vista de todos os agravios que sufrimos en materia de infraestrutura ferroviaria. Xa no seu día, o plan de deseño da alta velocidade, sendo Arias Salgado ministro de Fomento, deixaba Galiza fóra.

A nosa é unha historia de incumprimentos e desprezos en infraestruturas, nunca foron unha prioridade, nin sequera sendo ministros do ramo o socialista José Blanco nin a popular Ana Pastor, ambos os dous electos deputados por circunscricións galegas. Infelizmente, non foron coñecidos por aplacar -ou tratar de reducir- as carencias da Galiza en materia ferroviaria, senón polas responsabilidades políticas no accidente do Alvia en Angrois.

O modelo radial do “todo pasa por Madrid” -aquí sufrímolo mesmo a nivel aeroportuario- foi nefasto e aínda hoxe padecemos trazados máis propios de hai cen anos. Póñovos un exemplo, de Compostela a Lugo non hai conexión directa por tren.

De feito, ir da capital galega á cidade da Muralla, vía ferrocarril, levaría aproximadamente tres horas. Outro exemplo: o tren de Ferrol á Coruña tarda 1 hora e 20 minutos, cando no coche o traxecto faise en pouco máis de 40 minutos.

Galiza é das poucas autonomías do Estado español sen rede de proximidade, a pesar de que as áreas metropolitanas de Vigo e da Coruña posúen tantos ou máis habitantes que moitas das cidades españolas que contan con ese servizo.

Comentarios