Rueda báixase da moto e sobe a un autobús cheo de chiscadelas á extrema dereita

O PP xógase na banda dereita o partido das galegas. Así se explica, o vídeo de Nadal de Rueda onde o “Me gusta la fruta” de Ayuso ocupa un lugar de destaque.

Rueda_Nadal_1
photo_camera Alfonso Rueda nun cameo do vídeo de Nadal do PP. (Foto: PP).

A presenza de Isabel Díaz Ayuso no Congreso dos Deputados durante a sesión de investidura de Pedro Sánchez non pasou desapercibida. A presidenta madrileña non dubidou en cualificar entre dentes ao candidato socialista de “fillo de puta”, tras sinalar este que anterior presidente do PP, Pablo Casado, "alertou sobre un probábel caso de corrupción por parte da presidenta da Comunidade de Madrid" e que a resposta de Feixoo foi "evacuar o señor Casado nun golpe de man e botar por terra a ese caso de corrupción da señora Ayuso".

O Partido Popular ao completo fechou filas con Ayuso. Neste sentido, desde o seu gabinete de prensa negaron que mandataria madrileña denominara “fillo de puta”, a Pedro Sánchez sinalando que esta limitárase a firmar “Me gusta la fruta” (Gústame a froita). A partir de aí a expresión “gústame a froita” pasouse a converterse nunha das consignas máis empregadas polo público da dereita máis extrema para insultar ao presidente do executivo do Estado. Tanto é así, que esta voz de orde da dereita e da extrema dereita é recuperada polos populares no seu vídeo de Nadal, unha produción que conten todos os ingredientes da versión máis reaccionaria do PP.

O autobús de Rueda

Rueda, que nesta ocasión baixou da moto desde a que felicitou o Nadal en 2023 para subir a un autobús, formula as ideas forzas da campaña do PP, cun significado pouso ideolóxico. Porén, como o vídeo de 2023 a proposta audiovisual non esta dirixida a sociedade galega senón á militancia dunha formación que segue sen confiar no líder e mantén como referencia ao seu antecesor Alberto Núñez Feixoo. Neste sentido, a dirección do partido tenta trasladarlle a afiliación que con traballo é posíbel acadar calquera obxectivo.

A presenza na montaxe dos presidentes provinciais do partido e da súa secretaria xeral na Galiza afonda na idea de falla de tirón de Rueda. Así, preténdese mandar ás bases da organización a idea da importancia dos equipos fronte aos liderados.Nesta caso concreto, caese da montaxe José Manuel Baltar, tras a súa dimisión como presidente do PP de Ourense, mais continúa Mariano Raxoi que firme no seu emprego do español afirma que “Galicia rueda”, unha expresión que dá toque de comedia á produción.

Mobilizar aos propios

O PP sabe que as eleccións gáñanse desmobilizando aos rivais e mobilizando aos propios. Nun contexto, onde pretenden favorecer unha baixa participación do electorado progresista, na certeza de que a súa abstención xoga ao seu favor, apostan por mover ao seu corpo social coas mensaxes dirixidas aos seus sectores máis ideoloxizados, unha parte importante dos cales coinciden cos de Vox.

Alfonso Rueda presenta moitas das características do anticandidato. Neste sentido, moitos polítólogos significan a súa distancia, a súa falla de proximidade e a súa incapacidade de empatizar cos problemas de poboación. Precisamente, a agochar estes aspectos tan definidos da súa personalidade téñense dedicado no último ano medio desde a dirección do PP, poñendo a disposición dese obxectivo todo o seu aparato de creación de opinión, a comezar polos medios de titularidade pública.  

Comentarios