18-F

O PP confía na primeira maioría absoluta de Rueda fronte a "un cuadripartito que só ofrece leas internas"

Feixoo participará activamente na campaña cunha caravarana electoral independente á do presidente da Xunta. Tamén xogará un papel importante Mariano Raxoi.
Paula Prado e Alfonso Rueda, hoxe. (Foto: Europa Press)
photo_camera Paula Prado e Alfonso Rueda, hoxe. (Foto: Europa Press)

A secretaria xeral do Partido Popular na Galiza, Paula Prado, asegura que o seu partido afronta con "tranquilidade" a convocatoria das eleccións galegas para o 18 de febreiro, xa que confía en alcanzar "a primeira maioría absoluta" de Alfonso Rueda como presidente da Xunta, o que contrasta cun "cuadripartito que só ofrece leas internas".

En declaracións remitidas aos medios esta sexta feira, Prado sostén que a decisión de adianto electoral de Rueda "volve demostrar que no PP da Galiza sempre actuamos con responsabilidade pensando nos intereses dos galegos e as galegas". Tras destacar que Galiza tornou esta semana no primeiro territorio do Estado en aprobar os seus orzamentos para 2024, Prado valora que os galegos poidan pronunciarse nas urnas "coa normalidade e a estabilidade que caracterizan Galiza".

"A oportunidade de elixir o noso futuro desde aquí, desde Galiza e a oportunidade de seguir apostando por esa normalidade extraordinaria que fai da Galiza unha illa de estabilidade dentro de España", agrega. Así, contrasta un modelo do PPdeG de "unión e sentidiño" co dun "cuadripartito" que ve "máis próximo a bloqueos e muros que está a levantar Pedro Sánchez entre españois". "Seguiremos sendo o partido que máis se parece á Galiza e afrontamos esta convocatoria desde a tranquilidade, coa satisfacción do traballo ben feito e coa ilusión de traballar por ofrecer aos galegos o mellor futuro posíbel", subliña.

De tal modo, avanza que os populares galegos farán unha campaña "en positivo", "centrada en ofrecer solucións aos retos de hoxe e os desafíos de mañá", co "convencemento de que hoxe é o primeiro paso no camiño cara á primeira maioría de Alfonso Rueda". "Imos con todo e imos con todos! Galiza non para", conclúe.

Feixoo, con caravana propia nas eleccións

O líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, envorcarase na campaña das eleccións galegas do 18 de febreiro cunha caravarana electoral independente á do presidente da Xunta coa que percorrerá o país co obxectivo de revalidar a quinta maioría absoluta do Partido Popular. Feixoo, que logrou catro maiorías absolutas na Xunta —2009, 2012, 2016 e 2020—, porase agora ao dispor do PP galego para axudalo nesta campaña, na que ten previsto ter unha caravana electoral paralela á de Rueda no seu percorrido polos pobos e cidades galegas, segundo fontes populares.

Tamén participará Raxoi

Trátase dun modelo de campaña similar ao que xa realizou Mariano Raxoi na campaña electoral de 2009, cando apoiou coa súa propia caravana electoral a Feixoo, que debutaba como candidato á Xunta e cultivou a súa primeira maioría absoluta. O ex presidente do Goberno español tamén participará na campaña galega, como fixo nas últimas citas electorais, tanto autonómicas como estatais.

As mesmas fontes do PP cren que Rueda poderán revalidar o Goberno galego porque "non hai desgaste" na xestión. "Ou goberna o PP ou o BNG", sinalan en Xénova, onde advirten da vantaxe que a formación de Ana Pontón saca aos socialistas galegos.

Comentarios