O PP traballa nun plan b para Rueda

A debilidade de Alfonso Rueda percíbese e resulta difícil de agochar para o seu partido. O vídeo coa que formación felicita o Nadal aos galegos é un bo exemplo diso. A sala de máquinas da organización traballa nun plan b.

O presidente da Xunta da Galiza, Alfondo Rueda no video do PP (Foto: PP).
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza, Alfondo Rueda no video do PP (Foto: PP).

As sondaxes non deixan en bo lugar a Rueda. Malia acadar maior presenza pública desde o seu nomeamento como presidente da Xunta da Galiza, o seu nivel de coñecemento segue a ser moi baixo.

As enquisas sinalan, tamén, unha caída da súa valoración. A mesma, prodúcese nun momento relativamente bo para o partido no Estado e cando os traballos demoscópicos apuntan a unha alza da formación.

O anticandidato

A imaxe que trasladan de Rueda as sondaxes é a do anticandidato. Neste sentido, significan a súa distancia, a súa falla de proximidade e a súa capacidade de empatizar cos problemas de poboación.

Os populares néganse a cargarlle a Rueda a responsabilidade sobre as súas perspectivas electorais de cara ás eleccións galegas, porén as expectativas non son boas. Neste sentido, os conservadores fican cada vez máis lonxe da maioría absoluta e sitúan BNG, PSdeG e Unidas Podemos con capacidade para conformar un Goberno alternativo ao PP.

O vídeo de Nadal dos populares galegos é a expresión da debilidade do seu candidato. A presentación de Rueda como un motorista cuberto cun casco, que fai quilómetros e quilómetros, mais descoñecido para o porteiro da sede da Xunta da Galiza é todo un símbolo.

Un vídeo para mobilizar a militancia

A peza audiovisual non está pensada para a cidadanía galega senón para a militancia dunha formación que se ve sen líder. Neste sentido, a dirección do partido tenta trasladarlle a afiliación que con traballo é posíbel acadar calquera obxectivo.

A presenza na montaxe dos presidentes provinciais do partido e da súa secretaria xeral na Galiza afonda na idea de falla de tirón de Rueda. Así, preténdese mandar ás bases da organización a idea da importancia dos equipos fronte aos liderados.

A preocupación e o malestar con Rueda percíbese nos cadros populares. A maioría deles consideran que non foi unha boa elección e, sobre todo, que a súa candidatura non ten marxe de mellora pola imaxe que está asentando entre a sociedade.

Os comicios galegos e estatais

As eleccións locais serán a primeira proba de Rueda e dela vai depender a táctica dos populares para as galegas. Aínda que ninguén no PP galego quere pensar nuns malos resultados e agardan superar a porcentaxe de votos dos comicios de 2019, todos coinciden en que Rueda está diante da súa primeira proba de lume.

Os populares saben que non hai alternativa diferente a Rueda para liderar a formación nos vindeiros comicios galegos porén buscan paliar a súa falla de tirón electoral. Neste sentido, estudan facer coincidir as eleccións galegas coas estatais de fin de ano ou mesmo coas europeas.

A primeira opción gaña forza, co obxectivo de aproveitar que Feixoo é o candidato do PP ás estatais. Ao tempo, na cociña do PP consideran que esta opción tamén contaría co apoio dos socialistas galegos.

Comentarios