Rueda apunta a que os outros 4 candidatos no debate da CRTVG “pactaron antes” ir contra el

Asegura que o debate da CRTVG foi "un catro contra un, probabelmente ademais pactado antes".

Alfonso Rueda ao remate do Consello da Xunta esta quinta feira (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Alfonso Rueda (Foto: Xunta da Galiza).

O candidato do Partido Popular á Presidencia da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, asegurou que o debate desta segunda feira na CRTVG foi "un catro contra un, probabelmente ademais pactado antes". "Sabía que se ía a pintar unha Galiza absolutamente negra, todo negativo, onde todo é malo, pero iso non é verdade", engadiu.

Rueda insiste en intentar situar na campaña a idea de que este 18-F a escolla pasa entre el e unha Galiza que funciona” ou un “multipartito” que non sería beneficioso para o país. 

Alfonso Rueda participou na mañá desta terza feira nun almorzo con representantes de varios sectores da cidade de Ferrol nun hotel.

Neste marco, defendeu a súa xestión á fronte da Xunta. "Evidentemente cometemos erros, evidentemente sempre se poden facer as cousas moito mellor, pero tamén se fixeron bastantes cousas", dixo, mencionando de forma particular a cidade de Ferrol, xa que estivo precedido polo presidente do PP desta cidade,#José Manuel Rey Varela.

Rueda dixo que durante estes días de campaña están a "verse fórmulas máxicas para problemas moi complexos, plans de choque que van acabar con todos os problemas da sanidade, con todos os problemas das infraestruturas, con todos os problemas das entidades sociais, con cantidades millonarias" e que, ademais, en certas ocasións "lánzanse plans de centos de millóns" "Eu creo que non son conscientes e desde logo non se pararon a pensar nun momento de onde sairían eses recursos", apostilou.

Con respecto á autoestrada AP-9, Rueda detallou que, durante o debate, "o candidato do PSOE anunciaba a gratuidade da AP-9", aínda que "díxoo, como case todo, coa boca pequena". "Se isto é así o celebraremos moitísimo, totalmente a favor, xa que até o de agora o único que coñecemos é unha subida brutal o 1 de xaneiro, a maior subida que houbo no século XXI de actualización de prezos ao IPC", lembrou.

Comentarios