RTVE pregunta á Xunta Electoral se pode emitir un anuncio de Falange co 'Cara al sol'

O partido fascista enviou aos medios públicos unha cuña radiofónica que contiña o himno adoptado pola ditadura franquista.
Falanxistas enxalzando o fascismo o día da exhumación de José Antonio Primo de Rivera, o que vulnera a lei. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera Falanxistas enxalzando o fascismo o día da exhumación de José Antonio Primo de Rivera, o que vulnera a lei. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

A corporación RTVE paralizou a emisión dunha cuña radiofónica de Falange Española de las JONS por incluír o himno desta formación extremista, o Cara al Sol, utilizado tamén polo franquismo, e trasladou unha consulta á Xunta Electoral Central para saber se a súa difusión é compatíbel coa Lei de memoria democrática.

A formación fascista, que presenta listas ao Congreso en once circunscricións do Estado español de cara ás eleccións do próximo 23 de xullo, enviou os seus anuncios electorais a RTVE para a súa emisión nas franxas de espazos gratuítos de propaganda electoral para partidos extraparlamentarios, mais quedou en suspenso, pois a corporación pública manifestou dúbidas de que respecte a lexislación vixente.

Na consulta urxente enviada á Xunta Electoral, RTVE lembra que o artigo 62.1 da Lei de memoria democrática considera infracción grave as campañas de publicidade que "inciten á exaltación persoal ou colectiva da sublevación militar, da guerra civil ou da ditadura, dos seus dirixentes ou das organizacións que sustentaron o réxime ditatorial cando entrañe descrédito, menosprezo ou humillación das vítimas".

Por iso, quere saber se emitir esa cuña radiofónica pode ser considerado unha vulneración da Lei de memoria, xa que a lexislación estabelece que, nese caso, as autoridades competentes poden denunciar o caso e pór os feitos en coñecemento do Ministerio Fiscal.

Mais os falanxistas alegan que é "un partido legal" inscrito no rexistro do Ministerio do Interior e que o Cara al Sol é o seu himno desde 1935, "antes mesmo do inicio da guerra civil". O seu fundador, José Antonio Primo de Rivera, foi fusilado após o golpe de Estado do que participara en 1936 e os seus restos foron exhumados recentemente do Val de Cuelgamuros.

Comentarios