Riobóo concorre ás primarias e denuncia “manobras” para que Podemos Galiza perda “capacidade de decisión”

Nunha carta á militancia, Breogán Riobóo acusa os deputados e senador de Podemos en 'En Marea' de “tomar decisións”, que son “nefastas” para a organización galega. Critica que se furte o debate sobre se concorrer ou non con E Marea ás eleccións galegas. "Dá a sensación de que todo está sentenciado".

Breogán Rioboo podemos Imaxe A3 Galicia
photo_camera Breogán Rioboo podemos Imaxe A3 Galicia

Breogán Riobóo anunciou nunha carta remitidaá filiación de Podemos Galiza que vai dar o paso e pugnar nas primarias pola secretaría xeral da organización, posto polo que tamén anunciou que competirá Ángela Rodríguez, deputada de Podemos en En Marea. Riobóo, que na misiva incide en que “sigo a ser o secretario xeral galego” pois está “lexitimado” polos documentos da Asemblea de Vista Alegre, non escatima, afirma que dá este paso “na defensa dos valores éticos e principios desta organización”.

Gómez Reino, García Buitrón e Ángeles Rodríguez “tomaron unha serie de decisións e realizaron actuacións de parte, nefastas para Podemos Galicia”

Lembra que foi elexido secretario xeral o 14 de febreiro de 2015 para un período de 3 anos. Mais que ese mandato “pretende ser interrompido con manobras argalladas á marxe dos estatutos e principios da organización, dirixidas a que en Galicia perdamos a nosa capacidade de decisión”. Aponta así que un grupo encabezado “polos tres cargos públicos que a día de hoxe ten esta organización (o senador e presidente da xestora García Buitrón, e os deputados Antom Gómez-Reino e Ángeles Rodríguez), tomaron unha serie de decisións e realizaron actuacións de parte, nefastas para Podemos Galicia, porque disipan e truncan de forma abrupta a lexitimidade da xente que integra a organización, para decidir dende Galicia sobre os nosos proxectos e os nosos procesos, que están á volta da esquina”.

“Dá a sensación de que todo está xa sentenciado. Non se sabe moi ben por que, nin onde”

Constantes presións

A crítica de Riobóo prosegue, pondo o dedo na chaga sobre un dos motivos do conflito: concorrer con En Marea nas eleccións galegas. “Semella que a xente que formamos Podemos Galicia non podemos falar do proceso que nos levou a participar de En Marea nas eleccións xerais”, afirma. Para el, esta cuestión pon de evidencia que “nos queren prohibir e roubar a liberdade de poder debater e decidir entre todas cal queremos que sexa o camiño da nosa organización agora e no futuro”. “Dá a sensación de que todo está xa sentenciado”, manifesta, “non se sabe moi ben por que, nin onde”. Engade aquí o que cualifica de “constantes presións”, como retiralle a capacidade “de comunicarme cos cargos da organización” ou mesmo “coa militancia”.

Fronte a todo iso, Riobóo preséntase nunha candidatura “ampla” para “inocular” á organziación “os anticorpos necesarios” para evitar que acabde sendo “unha máis”.

Comentarios