SOBRE BEIRAS: "EL MESMO DIXO QUE ESTá VIVINDO O SEU EPíLOGO"

Riobóo irá ás primarias para a Xunta e atribúe a Podemos o 69% dos apoios a En Marea

Podemos continúa a marcar territorio despois do 20D, coa obvia intención de patrimonializar o suceso eleitoral de En Marea coa vista xa posta nas galegas deste outono. Nunha entrevista na Radio Galega, Breogán Riobóo, secretario xeral de Podemos Galiza, avanzou que se apresentará ás primarias para ser candidato á Xunta.

breo
photo_camera Breogán Riobóo, nun momento da entrevista

Breogán Riobóo non fai parte do elenco de deputadas de En Marea no Congreso porque no seu día rexeitou unha oferta política que lle foi formulada polo líder estatal, Pablo Iglesias.

"Chamoume en xullo [Pablo Iglesias] para oferecerme ir na lista. E eu descarteino. Chamoume a min e ao compañeiro Gómez Reino. De feito os dous falamos ao respeito. Díxenlle [a Pablo Iglesias] o que pensaba, que eu non tiña que dar ese paso nese momento, que tiña que centrarme na miña organización na Galiza", dixo Breogán Riobóo na súa conversa co xornalista Kiko Novoa. Gómez Reino si que se incorporou á lista, como número 1 por A Coruña.

-E se o chama Pablo Iglesias e lle di, Breogán, quero que sexas o candidato á Xunta da Galiza? -reperguntou Novoa.

-Iso non mo ten que dicer Pablo Iglesias. Tenmo que dicer a miña organización e hai unhas primarias por diante que habería que facer -respondeu Riobóo, sentando implicitamente o criterio de que é normal ser proposto polo líder estatal para o Congreso mais non para o Parlamento da Galiza.

Riobóo reafirma que Podemos non desbota apresentarse en solitario e como tal ás eleccións ao Parlamento da Galiza

"En Podemos estas cuestións dirímense en primarias. Para iso tería que haber unhas primarias ás que me presentara e nas que a xente recoñecese en min a persoa capaz de poder facer esa xestión ao fronte da Xunta porque entendo que vai haber unha Xunta de goberno alternativo", dixo Riobóo. Perguntado directamente ao respeito, avanzou que si se apresentará a esa elección interna dentro de Podemos para se candidatar ao Parlamento da Galiza. "Creo que a día de hoxe podo dicer que si, que me vou apresentar ás primarias como espero que se apresente moita xente da organización, obviamente", engadiu.

O secretario xeral de Podemos Galiza reafirmou a posición fixada por el propio no Consello Cidadán Galegoda organización realizado o sábado 9 de xaneiro, isto é, a organización baralla distintos cenarios con vistas ás galegas, entre eles o de concorrer como Podemos e non como parte dunha plataforma estilo a Marea. Non quixo especificar por cal escenario se decanta persoalmente, co argumento de que "iso o ten que decidir a xente que forma Podemos en Galiza", mais si expresou o seu criterio persoal de que "hai que corrixir erros do pasado e traballar nunha opción que sexa moitísimo máis participativa, máis en liña cos principios de Podemos".

Sobre a experiencia de En Marea nas xerais: "Hai que corrixir erros do pasado e traballar nunha opción que sexa moitísimo máis participativa, máis en liña cos principios de Podemos".

A seguir, enumerou unha serie de erros de campaña cometidos por En Marea, desde o emprego de formatos de actos públicos que identificou como "vella política" -en concreto, o uso de atrís nos mitins- até a escasa participación de candidatas ou que non se puxese abondo o acento en "cuestións transversais".

O peso de Podemos

A intención de Breogán Riobóo de marcar territorio e de reivindicar a paternidade do suceso eleitoral do 20D foi moi evidente cando foi interpelado a respeito de que peso terían nese éxito os distintos componentes de En Marea (coligazón tripartita formada por Podemos, Anova e Esquerda Unida).

"O CIS no seu día xa detectara un pouco estas cuestións", afirmou en relación a un estudo realizado polo centro sociolóxico estatal, do que tirou os seguintes dados: o 81% das persoas que ían apoiar "as candidaturas de confluencia" en Catalunya e Valencia "daban como primeira opción a Podemos", mentres que na Galiza esa cifra se situaba no "69%". Segundo este razonamento, 7 de cada 10 votos de En Marea virían de Podemos.

Beiras

O secretario xeral de Podemos tamén foi interpelado sobre Beiras, o líder histórico de Anova que, segundo algunhas fontes, non desbotaría concorrer tamén como candidato á Xunta. "Son o primeiro admirador de Beiras. Seguín a Beiras durante moitísimo tempo. Non me importa dicelo. Mais el mesmo dixo que está vivindo o seu epílogo", dixo ao tempo que invocou Xulio Ferreiro e Martiño Noriega como hipotéticos continuadores do legado do veterano político de Brión, con certa preferencia polo primeiro por aquilo de que leva menos tempo en primeiro plano.

Comentarios