ELUDE RESPONDER DIRECTAMENTE A BREOGáN RIOBóO

Yolanda Díaz di que EU xa falou da política de alianzas coa "executiva federal" de Podemos

Esquerda Unida e a executiva federal de Podemos comparten a "folla de rota" con vistas ás eleccións galegas, afirmou a deputada eleita de En Marea.

Yolanda Díaz
photo_camera Yolanda Díaz

O anuncio realizado por Breogán Riobóo de que Podemos manexa como un hipotético escenario o de concorrer en solitario ás eleccións galegas do outono provocou a resposta da líder de Esquerda Unida, Yolanda Díaz.

A deputada de En Marea di que se atén ao que Esquerda Unida falou no seu momento coa "executiva federal" de Podemos, unha reunión realizada en Madrid e na que ambas organizacións, enfatizou, partillaron "a diagnose e a folla de rota do que temos que facer".

"E, portanto, atéñome a esa reunión mantida cos responsábeis de Podemos en Madrid", afirma Díaz en declaracións recollidas pola axencia Europa Press. "A reunión foi pública, longa e traballada, coa executiva federal de Podemos, e as cousas ficaron claras; e, portanto, mantéñome no que estou asegurando".

A posición común de Esquerda Unida e a dirección estatal de Podemos sería a de continuar apostando na fórmula de confluencia experimentada quer nas eleccións municipais quer nas xerais. Porén, esta fin de semana Breogán Riobóo, sen desbotar continuar por esa vía de converxencia, abriu sorpresivamente a billa á hipótese de a organización liderada por Pablo Iglesias concorrer en solitario ás galegas.

Comentarios