Rexedor@s do BNG piden financiamento para a axuda no fogar en municipios pequenos

A formación frontista pide a derrogación do decreto de servizos sociais e a negociación dun novo no marco da Fegamp. Tilda de ''miserábeis'' os recortes que se prevén na norma actual, e di que conducen cara ao ''asistencialismo''
photo_camera Foto: BNG

O BNG considera que o recorte nas axudas no fogar que xestionan os municipios menores de 20.000 habitantes --o 93% dos galegos-- son "miserábeis". A Xunta deixou estas subvencións nas mans das Deputacións, e supoñen un investimento de 4 millóns de euros.

Nunha rolda de prensa en Compostela, en que participaron nesta quinta feira @s rexedor@s nacionalistas dos concellos pequenos e o voceiro nacional, Guillerme Vázquez, a formación frontista deu conta da moción que están a defender nos plenos para que o Goberno galego manteña as achegas fixadas nos orzamentos de 2010. Nesta mesma liña, exixen derrogar o decreto de servizos sociais a negociación dun novo no marco da Fegamp.

Ao fío, Vázquez cualificou de "meridianamente falso" o discurso do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en que defende que os recortes non afectarán ás prestacións básicas. Segundo o voceiro nacional do BNG, a axuda ao fogar, unha prestación básica que permite que as persoas maiores e dependentes fiquen na súa contorna, verase afectada, de tal xeito que o goberno galego "fará pagar @s máis débiles e indefens@s" as consecuencias da crise, "fomentando a exclusión social".

E sobre o traspaso desta competencia, que nos concellos de menos de 20.000 habitantes deixará de xestionar a Xunta e farao a deputación, falaron @s propi@s rexedor@s. Criticaron que o PP "practica o escapismo", e afirmaron que na formación frontista "non se entende" que fiquen sen atender o 93% dos municipios galegos por unha cantidade de relevancia escasa no orzamento do País "e de gran relevancia social".

Na liña, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, lembrou que as aportacións da Xunta para os servizos sociais básicos foi de 20 millóns en 2010, que baixaron a 16 en 2011 e a 12,4 en 2012. Destes últimos, 4 corresponden ás axudas no domicilio. Analizando as cifras, González concluíu que a transferencia da responsabilidade ás deputacións ten máis que ver co "suculento negocio" emprendido pola Xunta, encamiñado, segundo dixo, "a seguir privatizando servizos públicos".

Pola súa banda, Félix Juncal, rexedor de Bueu, explicou que a moción que os grupos nacionalistas están a defender nos plenos municipais insta a manter a contribución da Xunta para a axuda no fogar relativa aos orzamentos do 2010, así como a que non suba a achega das persoas usuarias. Segundo Juncal, moit@s d@s usuari@s "renunciaron" á prestación polo incremento dos custos. Entenden no BNG que o decreto que regula a concesión destas axudas "nega" aos municipios pequenos a posibilidade de desenvolver políticas preventivas, para limitárense "ao asistencialismo".

Comentarios