O retiro dourado dos ex-ministros de Mariano Rajoy

Cinco foron os membros do goberno español que durante estes 5 anos de goberno de Rajoy deixaron o executivo. A cada un deles se lle procurou unha responsabilidade confortábel.

Mariano Rajoy_PP
photo_camera Mariano Rajoy

O ministro de Economía en funcións, Luis de Guindos, compareceu esta terza feira no Congreso para da explicacións sobre o intento do goberno español de colocar José Manuel Soria, demitido en abril como ministro, na dirección xeral do Banco Mundial. Unha recolocación frustrada dun ministro que tivera que deixar o cargo polos escándalo dos 'Papeis de Panamá'. Soria era o quinto ministro que no que vai de mandato de Mariano Rajoy tivo que deixar o executivo español. Os catro anteriores atoparon o seu descanso máis ou menos 'dourados' en diferentes cargos e responsabilidades.

Arias Cañete foi o primeiro ministro do goberno de Rajoy en deixar a cadeira no Consello de Ministros. Foi en abril de 2014 e despois de que goberno e PP decidisen que Cañete liderase a candidatura do PP ás eleccións europeas. Realizados os comicios, e eleito Juncker como novo presidente da Comisión Europea, Arias Cañete foi nomeado comisario europeo de Acción de Clima e Enerxía. Neste cargo salpicáronlle varios escándalos, como o Acuamed ou os 'Papeis de Panamá', polo que as forzas de esquerdas pedíronlle que demitise.

Poucos meses despois de Cañete, en setembro, Ruiz Gallardón presentaba a súa demisión como ministro de Xustiza, unha decisión que adoptaba após decidir o goberno paralizar o seu anteproxecto de Lei do Aborto que el convertera na súa media estrela. Nun primeiro momento o seu posto era o Consello consultivo da comunidade de Madrid, organismo que Cifuentes, presidenta da autonomía, disolveu meses despois. Mais Gallardón non ficou sen rede e foi dar á presidencia da Fundación 'Ciudadanía y valores', fundada en 2006.

Non acabou o 2014 e Mariano Rajoy veu como un novo ministro se lle marchaba: Ana Mato, ministra de Sanidade, que demitiu en decembro após a publicación do auto da 'Gürtel' no que se lle consideraba partícipe a título lucrativo nos regalos que esta trama fixo á súa familia. A ex-ministra foi colocada á fronte dunha nova fundación impulsada polo PP, 'Universidad Europea'.

E en xuño de 2015 demite Ignacio Wert, o ministro peor valorado do exeutivo de Mariano Rajoy e no epicentro de non poucas polémicas pola Lomce e a súa pretensión centralizadora e privatizadora do ensino, segundos os seus detractores. Axiña foi nomeado embaixador de España perante a OCDE, con residencia de luxo en París e un salario de 10.000 euros anuais. 

Comentarios