xoves 01/10/20

Reino chama a evitar que a ultradereita entre na Xunta

Galicia en Común cualifica de "fracaso" as mobilizacións de Vox na Galiza.
Gómez-Reino, voceiro de Galicia en Común, onte en rolda de prensa.
Gómez-Reino, voceiro de Galicia en Común, en rolda de prensa.

O voceiro de Galicia en Común e candidato á presidencia da Xunta por esta coalición, Antón Gómez-Reino, chamou ás galegas e galegos a dar  "un exemplo democrático o próximo 12 de xullo para impedir que as  eleccións sexan a porta de entrada da extrema dereita no Goberno da Xunta da man de Alberto Núñez Feixoo”.

Gómez-Reino, tamén parlamentario de Unidas Podemos no Congreso dos Deputados, considerou na rolda de prensa ofrecida esta segunda feira, 25 de maio, que “o presidente galego está aliñado na estratexia" do líder do Partido Popular, Pablo Casado, da presidenta Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso e do voceiro de Vox, Santiago Abascal. De facto, Gómez-Reino sinalou que  o propio Abascal xa se ofreceu publicamente "a ser muleta de Feixoo na Galiza”.

O candidato de En Común cualificou de "fracaso" a mobilización convocada o pasado sábado pola ultradereita no país, “onde afortunadamente non prende o virus do odio que predican”, dixo, mais advertiu, da existencia do que denominou “vasos comunicantes entre Vox e o Partido Popular”.

Reino cargou ademais sobre o presidente do Executivo galego, Núñez Feixoo, a quen ve "tratando de mesturarse coas siglas da Xunta", coa preocupación posta en "abonar o terreo para a súa estratexia de campaña"; en lugar de ter como prioridade "activar e lexislar, no marco das súas competencias, as medidas para paliar a crise da COVID-19".

“É lacerante", considerou Reino, "o oportunismo político de Alberto Núñez Feixoo, que sistematicamente só pensa en sacar tallada da epidemia. Toda a estratexia do PP pasa por antepor as súas siglas por riba das vidas das galegas, a estratexia sobre a saúde pública”, sinalou. Sobre o desconfinamento, o voceiro de En Común valorou que este debe ser "prudente", ante "o empeño do presidente galego en acelerar os pasos polo seu interese electoral”.

"Somos claros: o cambio pasa por un Goberno de coalición entre as forzas progresistas do país logo do 12 de xullo para dar un xiro de 180 grados que permita a reconstrución do sector público con políticas expansivas e de coidados”, concluíu Gómez-Reino, ao tempo que pediu a mobilización da voto de esquerdas para lograr tal mudanza.

Debates

 O voceiro de En Común sinalou que a CRTVG debe "deixar de ser unha máquina de propaganda" do Partido Popular. Neste sentido, e tras remarcar que "cantos máis" debates haxa "mellor", afirmou que, ao seu xuízo, a participación nestes encontros debería cinguirse a organizacións políticas con "representación" na Galiza. "Feixoo quere desdebuxar e realizar unha foto artificial da oposición " ao incluír partidos que na Galiza, afortunadamente, non teñen presenza social e política",dixo en alusións a  Vox.

En Marea

Por último, Gómez-Reino evitou pronunciarse sobre a decisión de En Marea de presentarse ás eleccións do 12 de xullo despois de non facelo ao proceso que se suspendeu en abril.

"Non teño nada que dicir máis que  respertar o que decida cada forza política", apuntou.

comentarios