domingo 19/09/21

Néstor Rego: "Estou convencido de que Ana Pontón é a persoa idónea para encabezar esta nova etapa do BNG"

O deputado nacionalista Néstor Rego avanza os "retos que temos como país e asumimos como BNG" de cara ao próximo curso político e confía en que Ana Pontón finalice o seu período de reflexión disposta a "seguir á fronte" da formación.
Néstor Rego. (Foto: Nós Diario).
Néstor Rego. (Foto: Nós Diario).

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, asegurou "respectar" a decisión da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, de abrir un tempo de reflexión de cara á próxima Asemblea Nacional da formación frontista.

En resposta ás preguntas dos medios no marco da rolda de prensa que ofreceu na cuarta feira, o deputado nacionalista puxo de manifesto, en relación a Pontón, que "á hora de asumir unha reponsabilidade dese calibre, é normal que queira avaliar todos os aspectos".

"O BNG é unha formación política que coñeceu un crecemento do apoio social e un proceso de recuperación que o situou como segunda forza política. Unida e con capacidade de intervención social e política. Capaz de marcar a axenda deste país". A militancia tivo un papel activo nese proceso, declarou, "ao igual que a portavoz nacional".

Néstor Rego sinalou a Asemblea Nacional como unha oportunidade para fixar liñas de traballo e o equipo que o debe liderar. "Estou convencido de que a persoa idónea e a máis indicada para encabezar esta nova etapa do BNG" é Ana Pontón.

E se a súa reflexión conclúe "como todos e todas desexamos e confiamos na súa disposición a continuar á fronte do BNG, estou convencido de que gozará da unanimidade do apoio da militancia para liderar os próximos desafíos", concluíu antes de apuntar un entre todos: "mudar o rumbo do país", e polo tanto o seu Goberno para atender os intereses da Galiza.

Un ano "intenso e decisivo"

Na rolda de prensa, Rego vaticinou que este novo curso político será "intenso e decisivo" para a Galiza. Neste sentido sinalou como cuestión principal atender os problemas sociais e de investimento do país, polo que unha das primeiras iniciativas do deputado nacionalista será exixir o cumprimento do acordo de investidura asinado en xaneiro de 2020 co Goberno do Estado, "un compromiso con todas as galegas", dixo.

Ese documento é chave para o desbloqueo de moitos dos problemas que espera poder resolver, como o atraso en infraestruturas, nomeadamente ferroviarias, a respecto do resto de territorios do Estado.

Mais tamén en materia de tratamento. Rego exixirá o mesmo que reciben Euskadi ou Catalunya. E para iso apela á comisión de seguimento que ha de velar por outros avances en traspaso de competencias, política lingüística ou xulgados de violencia de xénero.

Orzamentos do Estado 

A "proba de lume" para marcar un trato diferente e máis xusto con Galiza serán os Orzamentos Xerais do Estado tras a "discriminación" dos presupostos de 2021 que supuxeron unha mingua para o territorio de 11% fronte á suba xeneralizadas de 50% para o conxunto das autonomías.

"Se o ano pasado fixamos o limiar en 1.000 millóns de euros de orzamento para Galiza -recibiu 832- para este ano o obxectivo ha de ser maior para recuperar e compensar ese déficit".

Neste sentido Rego dixo esperar unha "actitude diferente" por parte dos socios de Goberno, PSOE e Unidas Podemos, para buscar o diálogo e o entendemento.

Fondos Next Generation

O deputado nacionalista referiuse tamén á repartición dos fondos europeos para a recuperación para defender un reparto xusto e descentralizado, baseado en criterios "coñecidos e avaliábeis" que non deixen a Galiza sen as cantidades que merece.

Así denunciou que os 441 millóns asignados representan unha perda ao non ter en conta, sequera, a poboación galega, nin a dispersión, o envellecemento ou a carencia de servizos públicos.

Rego fixo fincapé nas políticas sociais que deben mudar a garantía de dereitos fundamentais para o conxunto da cidadanía. Así, enumerou unha serie de compromisos pendentes como a derrogación da reforma laboral ou da lei mordaza.

Avogou por traballar na defensa dun "novo modelo de xestión da produción eléctrica" e reiterou o compromiso do BNG para seguir a reducir as peaxes das autoestradas "até a súa eliminación.

comentarios