Néstor Rego descualifica a “estratexia trumpista de Feixoo”

O portavoz do BNG destacou o cordo que “favorece a Galiza e as clases populares” e deixou claro que “de ningunha forma o BNG vai favorecer unha alternativa que suporá un retroceso en dereitos”, en referencia ao PP.

photo_camera Rego mostrou aos xornalistas unha foto do ano 2005 do intento de asalto de cargos do PP ao Parlamento galego durante o Goberno bipartito BNG-PSOE (Foto: Nós Diario)

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, afirmou na mañá desta terza feira en comparecencia de prensa que “o PP está a seguir unha estratexia á contra, incapaz de asumir que non teñen os votos para gobernar. É unha estratexia trumpista de deslexitimazación das maiorías democráticas”.

Rego descualificou esta estratexia ao tempo que mostrou aos xornalistas unha foto do ano 2005 do intento de asalto ao Parlamento galego durante o Goberno bipartito BNG-PSOE. “Estivo protagonizado por alcaldes do PP e impulsado por Feixoo que foi pioneiro no uso desta estratexia e que desmonta ese perfil de moderado e bo xestor. Agora vemos a súa verdadeira  face, cada vez máis escorada á dereita ultra e na estela de Vox”.   O parlamentario do BNG deixou claro que alternativa da dereita ultra e da ultradereita suporía “un retroceso en dereitos sociais e políticos e en liberdades públicas”.

Néstor  Rego compareceu no Congreso para explicar a posición do BNG diante da investidura de Pedro Sánchez deixando claro que a posición do BNG favorábel á investidura de Pedro Sánchez “a pesar das diferenzas políticas evidentes entre as nosas formacións e porque a alternativa é absolutamente inaceptábel”.

O deputado do BNG puxo en valor o Acordo que “favorece a Galiza e as clases populares e as maiorías sociais”. Destacou medidas relevantes como a relativa á condonación da débeda: “O BNG incorporou unha compensación análoga para Galiza en liña coa condonación da débeda a outras comunidades”.

Rego explicou que “a débeda da Galiza é consecuencia das políticas do PP nestes catorce anos. Triplicou a débeda do noso país que está agora en máis de 12.000 millóns de euros” e advertiu que Núñez Feixoo “en lugar de acudir mecanismos públicos como o FLA, decidiu endebedarnos coa banca privada”.

Competencias pendentes

Incorporamos tamén a transferencia das competencias pendentes impulsando unha reunión da Comisión Mixta Estado-Xunta antes de finalizar o ano. “É coñecida a actitude obstrucionista do PP nestes 14 anos. Non se asumiu ningunha competencia”.

Para Rego o Acordo do BNG “descolocou o PP que ten serias dificultades para dixerilo. Tiñan preparada unha campaña en Génova dicindo que era prexudicial para a Galiza e agora non saben como resituarse diante do conseguido polo BNG”.  

Comentarios