18-F

O reconto provisional do voto CERA non modifica o reparto de escanos do 18-F

En Ourense, única circunscrición onde podía haber movemento de escanos, nada cambiou e o PSdeG nobn puido obter o seu segundo deputado a conta de restarlle 1 ao PP (que mantén os 8) ou BNG (que continúa con 4).
Detalle do escrutinio de votos nunha mesa electoral de Vigo na noite do 18-F. (Foto: Adrián Irago / Europa Press).
photo_camera Detalle do escrutinio de votos nunha mesa electoral de Vigo na noite do 18-F. (Foto: Adrián Irago / Europa Press).

O reconto na xornada desta segunda feira do voto CERA (Censo de Residentes Ausentes) deixa as cousas tal e como saíron das urnas o 18-F. Os 29.354 votos CERA recibidos na Galiza non alteraron a repartición da xornada electoral: 40 PP, 25 BNG, 9 PSdeG e 1 Democracia Ourensá.

As miradas estaban postas en Ourense, única circuncrición onde podía bailar un escano ao ficar o PSdeG a 112 sufraxios de obter un deputado, podendo arrebatarllo ao PP ou mesmo ao BNG. Os 6.150 sufraxios chegados do CERA a esa circunscrición poderían implicar unha mudanza mais, finalizado o reconto, as cousas quedaron como estaban: 8 PP, 4 BNG, 1 PSdeG e 1 DO.

O Partido Popular foi a forza máis votada polos residentes ausentes en Ourense, con máis de 2.500 votos, seguidos do PSdeG, con 617; BNG, con 463 e Democracia Ourensá, con case medio cento de apoios. Sumar obtivo 31.

No resto de circunscricións  galegas non se agardaba que puidese haber alteracións derivadas dos votos de residentes ausentes e así foi. O último deputado na circunscrición da Coruña, que foi ao BNG, estaba a 9.511 votos de distancia para o PSdeG. En Pontevedra eran de novo os socialistas quen ficaran sen ese último escano, neste caso do PP e  por 6.450 sufraxios. E en Lugo o mesmo, co PSdeG a 3.087 votos do último deputado, do BNG.

Na Coruña, o PP recibiu 3.832 sufraxios do CERA, sendo o BNG segunda forza con 1.528, PSdeG tivo 1.295; Vox 528, Sumar 347, e Podemos 226. No que respecta á circunscrición de Lugo, o PP obtivo 1.320 sufraxios, o PSdeG 558, O BNG 365; 169 Vox e 86 a Sumar. En Pontevedra tamén o PP foi a forza máis votada, con 3.609 sufraxios; o BNG logrou 1.227; o PSdeG 1.157; Vox 516 e Sumar 28.

Finalizado o reconto do CERA, procedeuse ao inicio do escrutinio definitivo das eleccións do 18 de febreiro para verificar o reconto e suma de votos en cada mesa segundo as actas e copias de actas.

Arxentina, Suíza, Francia, Uruguai e Venezuela foron os cinco países desde onde máis se emitiu o sufraxio para estas eleccións galegas. O país que máis votos emitiu no CERA o 18-F foi Arxentina, con case 7.800 votantes. Un total de 4.398 persoas emitiron o seu voto desde Suíza. Ademais, desde Francia depositaron a súa papeleta 2.331 persoas. Desde Uruguai votaron unhas 2.300 persoas. Nos consulados de Venezuela contabilizáronse 1.840 votos.

Comentarios