Mapa interactivo

Así aumentou por concellos a porcentaxe de voto ao BNG a respecto das galegas de 2020

O Bloque foi este 18-F a primeira forza opositora en lograr 25 escanos desde o PSdeG de Emilio Pérez Touriño en 2009.
Mapa cos aumentos en porcentaxe de Voto do BNG a respecto de 2020 (Foto: Martín Senande).
photo_camera Mapa cos aumentos en porcentaxe de Voto do BNG a respecto de 2020 (Foto: Martín Senande).

O pasado domingo consolidouse a quinta maioría absoluta consecutiva do PP, con todo, o BNG rachou na xornada electoral con todos os seus teitos cunha suba sen precedentes en votos e escanos que consolidou e reforzou o papel de Ana Pontón como líder da oposición na Galiza. A formación nacionalista pasa de 19 a 25 escanos en catro anos e eleva os seus apoios en case oito puntos porcentuais, alcanzando un 31,57% inédito até o momento.

O Bloque foi tamén este 18-F a primeira forza opositora en lograr 25 escanos desde o PSdeG de Emilio Pérez Touriño en 2009, reeditando o resultado previo de 2005 —que, con todo, non abondou para manter o Goberno—.

Aumento meteórico

Botando a vista atrás, o ascenso das nacionalistas desde que Pontón asumiu o liderado en 2016 reflíctese nun aumento meteórico de apoios, chegando a multiplicar por catro o pouco máis de 8% dos sufraxios e seis escanos que sumara aquel ano no que En Marea irrompeu con forza e tornou na segunda forza após o PP.

Así, a suba do BNG materializouse en certos concellos do país, destacando especialmente o caso de Vigo, en que a formación de Pontón foi primeira forza electoral. Noutros moitos concellos, o BNG experimentou unha suba notábel a respecto das pasadas eleccións galegas que tiveron lugar en 2020 destacando os municipios da contorna da cidade olívica. 

Así, este mapa elaborado por Martín Senande mostra a suba en porcentaxe de apoio ao BNG nos 313 concellos do país.

Destacan entre estas subas as de concellos como Montederramo, Samos ou Vilar de Santos. Tamén outros concellos como Noia, RibeiraAs Somozas, Vilagarcía ou Covelo tiveron destacadas subas no seu apoio á candidatura do Bloque.

Comentarios