O rebrote do coronavirus na Mariña dálle un novo xiro ás eleccións galegas

Sabía do risco de convocar eleccións nunha situación de emerxencia sanitaria e tirou para adiante. Agora enfróntase a unha semana decisiva coa epidemia descontrolada.
As eleccións galegas estaban previstas para o 5 de abril (Imaxe: Polaris / Contacto)
photo_camera (Foto: Polaris / Contacto)

O rebrote do coronavirus na Mariña sitúa a campaña electoral nun novo escenario. A existencia de máis de 120 persoas contaxiadas e de perto de 1.000 cidadás e cidadáns en corentena para unha poboación de pouco máis de 70.000 habitantes é motivo suficiente para suspender os comicios, advirte ao unísono a oposición.

A organización e a realización dunha xornada electoral nunhas circunstancias como as actuais convértense nun motivo de risco para a poboación da comarca, moi particularmente para persoas con patoloxías previas ou de idade avanzada.

A pandemia atópase descontrolada na Mariña. A maiores dos casos xa rexistrados e das persoas que están sendo controladas telefonicamente no seu propio domicilio agardando pola realización da proba, as autoridades sanitarias non son quen de fixar a orixe do brote, o que impide testar a poboación en risco e determinar o alcance real do mesmo.

A este respecto, desde a xerencia da área sanitaria négase que o rebrote estea ligado a unha comida familiar en Xove ou a uns locais de hostalaría en Burela, desmentindo a hipótese formulada no seu día por Feixoo.

As informacións procedentes dos e das profesionais da sanidade en contacto directo coa doenza non coinciden nalgúns casos coas fornecidas polo Sergas, que tampouco dá detalles nin fai seguimento do impacto deste brote fóra da comarca da Mariña. Ademais, os medios do Hospital da Mariña son moi escasos, como consecuencia do proceso de desmantelamento levado adiante durante os últimos anos.

Falta por coñecer a dimensión da réplica do rebrote da Mariña na foto final da campaña galega, mais con toda seguridade as súas consecuencias non van pasar desapercibidas. Prevese unha caída da participación importante que agora tenta mitigar o presidente galego.

A TVG na mesma liña

A Televisión da Galiza volveu facelo. Mentres a práctica totalidade dos medios estatais abren os seus informativos con novas referidas ao rebrote na Mariña, as noticias do coronavirus desaparecen dos medios galegos de titularidade pública.

A ollos do colectivo de traballadoras e traballadores Defende a Galega, a Corporación de Radio e Televisión Galiza (CRTVG) continúa favorecendo os intereses electorais de Feixoo. A resolución da Xunta Electoral criticando o trato informativo ofrecido ás forzas da oposición é outro exemplo diso

Comentarios