Rajoy non cre que “sexa bo” para España que el marche

Nunha entrevista na Cadea Ser o presidente español en funcións afirma que “non sei o que fixo Soria, pero eu créolle” e descarta confirmar se tomará parte en debates electorais: “A ninguén lle apetecen os debates, hai que preparalos”, dixo.

O presidente español en funcións e candidato do PP nas eleccións do 26X non sopesa facerse a un lado para desbloquear a formación de goberno en futuras negociacións. Así o dixo Mariano Rajoy esta cuarta feira nunha entrevista na Cadea Ser, indicando que “non creo que sexa bo para España nin para o meu partido que me vaia porque queiran outros”, engadindo que “outra cousa é que queira o meu partido ou os españois”.

Rajoy dixo que mentres se atope “ben, con gañas e fresco” está disposto a continuar á fronte do Partido Popular. A respecto da campaña electoral que vén, evitou confirmar se ía participar ou non nos debates. “Non teño ningunha opinión”, dixo, “en campaña estou ás ordes do que me di o equipo de campaña”. Iso si, Rajoy afirmou que “ninguén gosta dos debates”, pois implican ter que “preparalos, traballar”. Sobre a economía afirmou que “estamos na boa dirección” e asegurou que de se facer “as cousas ben” en 2019 haberá dous millóns de persoas máis traballando, ao tempo que aseguraba que en 2017 o déficti estará por baixo do 3%. Preguntado polos incuprimentos do Estado español neste eido, o candidato popular dixo que “reducir é doado, mais sería un disparate recurtar sen máis”.

No que atinxe aos escándalos que afectan a cargos do PP, como o ex-ministro de Industria, José Manuel Soria e os papeis de Panamá, Rajoy defendeu o seu ex compañeiro de gabinete. “Tivo un erro á hora de xestionar noticias sobre a súa persoa”, afirmou. E cre verosímil a explicación que lle deu o antiguo ministro de que non se lembraba de que a empresa implicada estivese a nome do seu pai. “Non sei o que fixo Soria, mais eu créolle”.

Comentarios