Terá de dar conta sobre a contabilidade B do PP

Rajoy, chamado a declarar como testemuña no xuízo da Gürtel

A Audiencia Nacional española chama o chefe do executivo estatal a prestar declaración na súa calidade de dirixente do PP e a petición da acusación popular. A Fiscalía, dependente organicamente do executivo, opúxose á comparecencia por entender que Rajoy non tiña nada que achegar a esta causa.

Rajoy no balcón de Génova. Xerais 2016
photo_camera Rajoy, no balcón da rúa Génova na noite eleitoral das xerais de 2016

A declaración de Rajoy versará sobre a súa etapa como secretario xeral e director en varias campañas eleitorais durante a fase inicial da trama Gürtel (1999-2005).

A súa presenza no xuízo como testemuña foi demandada pola acusación particular que exerce a Asociación de Avogados Demócratas de Europa (ADADE). O tribunal aceitou a petición por maioría: dous dos maxistrados pronunciáronse a prol, o terceiro restante en contra.

A Audiencia toma esta decisión co criterio en contra da fiscalía, unha instancia do poder xudicial que no Estado español depende organica e hierarquicamente do poder executivo.

A fiscal Concepción Nicolás considerou "inútil e innecesaria" a proba testifical de Rajoy (isto é, a súa participación como testemuña no proceso xudicial). 

Os xuíces aceitan os argumentos da acusación popular e consideran, en troca, que Rajoy si ten cousas a dicer sobre a existencia dunha contabilidade B no partido.
 

Comentarios