A radio e a televisión públicas da Galiza atópanse nun réxime de excepción

Asistimos a un proceso de demolición dos medios públicos galegos. Un deseño perfectamente dirixido a expulsar a información e o talento da radio e televisión para construír unha máquina de propaganda orientada a manter o control político do Partido Popular na Galiza.
Profesionais da CRTVG exixiron onte a comparecencia de Feixoo na Cámara sobre a situación do medio.
photo_camera Profesionais da CRTVG exixiron a comparecencia de Feixoo na Cámara sobre a situación do medio.

Alberte Núñez Feixoo tampouco acudiu na sexta feira, 19 de xuño, ao Parlamento da Galiza para dar conta da situación dos medios públicos, tal e como demandaron as forzas da oposición.

O presidente galego botou outra vez máis da man da maioría absoluta do Partido Popular para eludir calquera tipo de explicación sobre un modelo de radio e televisión que cuestiona os estándares requiridos para unhas canles de natureza pública e un estilo de dirección que choca coas máis elementais normas esixíbeis nunha sociedade democrática. 

A televisión e a radio pública da Galiza téñense convertido en dous instrumentos centrais na estratexia do Partido Popular para perpetuarse no poder. Así, opera como unha ferramenta de propaganda de Feixoo, que só durante a pandemia do coronavirus apareceu en 40 comparecencias televisadas, superando 40 horas de pantalla que representan máis de 2.400 minutos en horario de máxima audiencia. Ao tempo, funciona como un elemento chave de control político e de amordazamento da oposición, até o punto de quitarlle a voz en moitas novas aos principais dirixentes das forzas da oposición parlamentaria.

Os contidos dos medios públicos galegos son unha expresión do proxecto ideolóxico da dereita. 

A divulgación dunha visión estereotipada dos galegos e das galegas, a construción dun discurso que presenta o país como sucursal ou apéndice e non como centro da realidade, a exclusión de ópticas alternativas co relato do Partido Popular, a desaparición de visións críticas que cuestionen a imaxe dominante sobre Galiza ou o veto ás expresións máis xenuínas da realidade cultural e social son exemplos ben paradigmáticos dunha folla de ruta que escapa a condicionantes de carácter conxuntural e liga cunha formulación de orde estratéxica.

Os medios públicos galegos en negro 

A xestión do equipo directivo da CRTVG estivo marcado ao longo da última década por unha persecución aos profesionais da compañía que apostaban por unha canle pública sen ataduras partidarias e ao servizo dunha información de calidade.

A iniciativa Venres Negros, promovida polo colectivo de traballadores e traballadoras agrupados na plataforma Defende a Galega, é todo un toque de atención sobre a necesidade dunha mudanza nos medios públicos galegos, pero tamén das súas fortalezas.

Comentarios