Medios públicos

A radio pública despreza o local a un ano das eleccións

A radio pública anunciou a supresión das desconexións locais e a eliminación do formato emblemático do Diario Cultural. As traballadoras amosan un crecente malestar e a súa representación clama polo desenvolvemento da lei vixente. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 298 de Sermos Galiza.

Protesto das traballadoras e traballadores da CRTVG
photo_camera Protesto das traballadoras e traballadores da CRTVG

3Unha xuntanza ordinaria en que a dirección da Compañía de Radio Televisión de Galicia comunicaba ao comité intercentros a programación para o verán e un avance da nova tempada na Radio Galega abriu a caixa dos tronos. Aquel día de maio, a dirección anunciou á representación das traballadoras e traballadores a supresión dun programa emblemático, o Diario Cultural -28 anos en antena- no seu formato usual. E que, ademais, os informativos radiofónicos eliminaban as desconexións locais. O ente público, cuxo director xeral é Alfonso Sánchez Izquierdo, continuaba unha transformación que, segundo os sindicatos, colexio e agrupacións profesionais, reduce a pluralidade e a proximidade ao terreo e que, segundo os executivos da compañía, “moderniza” as estruturas dos medios de comunicación públicos.

“Eles explicáronnos que as desconexións desaparecían para centralizar a información local en bloques dentro dos informativos nacionais”, relata Raquel Lema, do comité intercentros pola CUT, “pero é unha perversión. Trátase de que a única información local da radio pública sexa controlada desde San Marcos [a sede central da CRTVG, en Compostela]”. Na mencionada reunión participaron a directora de recursos humanos, Susana Fernández Veiguela, e os responsábeis de informativos, Alejandro López, e de programas, Tania Lombao, da radio.

Non houbo unha explicación oficial da decisión. Apenas uns días despois, o 14 de maio, a compañía pendurou un nota na zona da web dedicada á “comunicación corporativa” en que se refería á “gran transformación” da Radio Galega “na oferta dos seus contidos”. E, de xeito singular, sinalaba como “principal novidade” a programación “de debates semanais de ámbito local que acollerán as delegacións territoriais”.
“Eu creo que foi todo unha improvisación. O dos debates, unha tomadura de pelo”, considera Lema. Para o comité  intercentros, que agrupa delegadas e delegados de CIG, UXT, CCOO, USO e CUT, a estratexia da dirección, renovada hai un ano, resulta nidia: o “desmantelamento do servizo público”. “As desconexións territoriais viñan cubrindo o deber que ten a CRTVG de ofrecer información local de proximidade nun país con gran dispersión poboacional”, expuxo nun comunicado o órgano dos traballadores e traballadoras, “[a súa supresión é] unha medida estritamente política que obedece a intereses do Partido Popular de controlar a información de cara ás eleccións locais do ano vindeiro”. 
 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 298 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios