Quintana: “Galiza non está presente nas negociacións para a investidura. Valencia, Euskadi e Catalunya, si”

O ex portavoz nacional do BNG e ex vicepresidente do Goberno galego reapareceu esta quinta feira nun acto público -a apresentación dunha tese de doutoramento sobre a campaña que desembocou na derrota do bipartito- e atendeu a imprensa sobre os temas de actualidade política.

Anxo Quintana e Emilio Pérez Touriño
photo_camera Anxo Quintana e Emilio Pérez Touriño

Para Anxo Quintana, é evidente que Galiza -“goste ou non goste- non está presente nas negociacións da investidura de Pedro Sánchez, en contraste con Valencia e “por suposto tamén Catalunya e Euskadi”.

“Galiza non está a ter nen moito nen pouco peso: non está a ter ningún”, dixo e para ser máis preciso engadiu: “Isto non quer dicer que non haxa deputados galegos de todas as forzas políticas que estarán moi preocupados por que, en todo isto, Galiza estea presente. Cada un, desde a súa perspectiva, estará traballando, mais a visualización práctica do que a xente ve é que Galiza non está”.

"O que ten que facer o BNG non debe facelo pensando nas autonómicas. Porque mesmo hai outras decisións antes das autonómicas"

Interpelado polos medios a respeito de quen debería garantir a presenza que Galiza neste momento non tería, respondeu Quintana que “os propios galegos e galegas” e salientou que a representación galega no Congreso é a que é “porque os galegos preferiron que fose así”. Así as cousas, entende que o que cómpre a partir de agora é “tirar conclusións e experiencias e ver se é posíbel melloralo para o futuro”.

Tamén foi inquirido o ex portavoz nacional pola asemblea nacional que a organización na que milita irá realizar o domingo 28 de febreiro na Coruña. Sobre o conclave nacionalista, Quintana dixo: “O que ten que facer o BNG non debe facelo pensando nas autonómicas”. E a seguir esclareceu: “Porque mesmo hai outras decisións antes das autonómicas. O que ten que facer o BNG, penso eu, é procurar unha fórmula que lle permita ser un proxecto útil para a sociedade galega”.

Con Touriño

Quintana asistiu esta mañá, na faculdade de Ciencias da Información da USC, á leitura da tese de doutoramento de Paulo Carlos López sobre a axenda política e mediática nas eleccións galegas de 2009 (as da derrota do bipartito face o PP de Feijóo), un traballo dirixido polo profesor Luís Álvarez Pousa. No acto coincidiu co político co que partillou aquel goberno de coligazón PSdeG-PSOE-BNG, o ex presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño.

Comentarios