18-F | BARÓMETRO PARA NÓS DIARIO

Quen leva o último e decisivo escano? Consulta aquí a loita en cada circunscrición (6 de febreiro)

Estas son as forzas políticas que defenden o último (e decisivo) escano en cada circunscrición, e a distancia á que está o partido político que podería arrebatarllo, segundo o último barómetro elaborado polo Instituto Demoscópico EM-Analytics para Nós Diario, correspondente a esta terza feira, 6 de febreiro.

Escanos en disputa.
photo_camera Escanos en disputa.

A repartición de escanos por medio da Lei D'Hondt e a elevada barreira electoral que impuxo no país o popular Manuel Fraga (5%) xogarán un papel decisivo na configuración da 'foto final' do vindeiro 18 de febreiro. Na circunscrición da Coruña están en xogo 25 escanos; na de Pontevedra, 22, e nas de Lugo e Ourense, 14 en cada unha delas. A batalla pola última acta para entrar no Parlamento da Galiza será crucial e determinará o resultado das eleccións.

E quen tería nestes momentos ese último escano e quen podería arrebatarllo? Con base no barómetro electoral elaborado polo Instituto Demoscópico EM-Analytics para Nós Diario que se publica íntegro no xornal desta terza feira, 6 de febreiro, o PP sería a formación política que fecharía a repartición de escanos en tres das catro circunscricións —A Coruña, Lugo e Ourense— e, por tanto, tamén a que podería perdelos máis facilmente.

Concretamente, pola Coruña, Sumar estaría a 0,1 puntos de arrebatarlle a acta ao PP. En Ourense, tamén moi de perto, o BNG estaría a 0,2 puntos de roubarlle un escano aos populares. E, finalmente, en Lugo, o PSdeG situaríase a 2,7 puntos de conseguir un escano máis a conta do PP.  De perder estas tres actas, o PP ficaría con 35 escanos, a tres da absoluta.

Pola contra, na de Pontevedra esa última acta sería para o BNG, que mantería unha vantaxe de 1,9 puntos porcentuais sobre o seu inmediato competidor, o PP.

Comentarios