Que votaron as localidades ‘galegas’ en Euskadi nas eleccións vascas?

42.000 persoas nadas na Galiza viven en Euskadi. Localidades como Pasaia, Eibar, Ermua ou Barakaldo manteñen aínda unha importante pegada galega até o punto de que, por exemplo, en Bizkaia a lingua máis falada após o euskera e o español é o galego. Como se votou este domingo nas eleccións vascas nesas vilas?

pasaia
photo_camera Porto de Pasaia

A ‘quinta provincia galega’, a expresión tan recorrente para designar aquelas prazas con forte presenza galega valeu para falar de Bos Aires, A Habana ou mesmo O Bierzo. Mais un dos territorios onde se fixo máis habitual esta expresión foi en Euskal Herria e para se referir a aquelas vilas onde a comunidade galega tiña un peso importante.

Trintxerpe (Pasaia), Ermua, Barakaldo, Eibar, Santurtzi, da marxe esquerda ao corazón gipuscoano, miles e miles de galegos chegaron ao longo de décadas pasadas procedentes de diferentes partes da Galiza. Na actualidade o número de persoas nadas na Galiza que viven nas tres provincias de País Vasco son ao redor de 40.000, lonxe daqueles máis de 70.000 que había nos 70 do pasado século, mais aínda un número importante.

De feito, e segundo un estudo da Deputación de Bizkaia en 2021, nesa provincia fálanse máis de 120 linguas, e as máis utilizadas son, ademais do euskera e o castelán, o galego, o árabe, o tamazight e o romanés. O galego, pois, terceiro idioma en falantes nese territorio

E como se votou este domingo nesas localidades cunha importante pegada galega? Pois a trazos xerais non moi diferente do comportamento electoral no conxunto de Euskadi, co PNV e Bildu disputándose a primeira forza.

En Barakaldo, localidade de 100.000 habitantes situada na marxe esquerda, o PNV impúxose con contundencia, con case 36% dos apoios electorais, a mesma porcentaxe que hai catro anos. EH Bildu rexistrou un importante ascenso, pasando de 17% a 22% mentres que PSOE obtivo este domingo 21% e PP non chegou a 9% dos votos.

Tamén en Santurtzi, outra praza que recibiu miles de galegos que foron a Euskadi a traballar na industria biscaíña, gañou o PNV (36,6%), mentres EH Bildu logrou 28,7%, PSOE logrou 18,5% e PP 6,4%.

En Eibar, vila guipuscoana onde a presenza galega se deixa notar até na existencia de peñas do Celta, gañou EH Bildu (32,4%), que se impuxo ao PNV (29,7%), que gañara as eleccións hai catro anos. O PSOE obtén unha porcentaxe de apoios superior á media vasca (23%) e o PP non chega a 6%.

 O PNV foi a candidatura máis votada este domingo en Ermua, cun apoio nas urnas de 27,5%, 1 punto máis que catro anos antes. A segunda posición foi aquí para o PSOE, con 24% dos votos, porcentaxe case idéntica á lograda por EH Bildu (23,7%). O PP tivo 5,6% dos sufraxios.

Por último, Pasaia, vila e porto onde aínda hoxe en día a presenza galega é notábel, con peña deportivista incluída. Aquí a vitoria de EH Bildu foi incontestábel, con 43,4% dos apoios electorais, 15 puntos por riba do segundo, PNV, que logrou 27%. O PSOE tivo 14,5% e PP 4,4%.

Comentarios