En Marea

QP proclama Luís Villares como árbitro dunha coordenadora con representación das tres candidaturas

Queremos Participar dá por suposto que a Coordenadora Nacional de En Marea será "plural e representativa da base".

Votación das primarias de En Marea. Xaneiro de 2017

Na mesma nota de imprensa en que anunciou a apresentación dunha impugnación aos resultados provisorios das primarias, a candidatura Queremos Participar realiza unha distribución dos postos a cubrir na Coordenadora Nacional, o máximo órgao executivo da confluencia. Segundo as súas estimacións, e aplicando a proporcionalidade pura á que apelan no seu recurso, a dirección de en Marea ficaría constituída por seis membros de Máis Alá, tres de Somos Quen e dous de Queremos Participar.

Neste cadro QP reservaría a Luís Villares o papel de "árbitro dunha coordenadora moi plural e representativa da base de En Marea".

Cumpre lembrar a este respeito que QP defendía a candidatura de Villares como portavoz único, condición que lle negarían ao ex xuíz as persoas e colectivos (liderados por Marea Atlántica) que o acompañan na lista oficial. A outra candidatura crítica, Somos Quen -encabezada polo parlamentar Davide Rodríguez (Anova)- tamén querería converter o voceiro parlamentar no único órgao unipersoal da confluencia.

Que di o regulamento das primarias sobre a constitución da Coordenadora Nacional?

Pois que "a Coordenadora Nacional será elixida polo Consello das Mareas tendo en conta a proporcionalidade dos resultados das candidaturas apresentadas ao Consello de Mareas, atendendo a criterios de paridade, eficacia e non remuneración" (artigo 5, ponto 5).

Segundo isto, a executiva da Marea tería de reflectir dalgunha maneira ("tendo en conta...") os resultados proporcionais das primarias, co cal Máis Alá tería maioría absoluta no órgao (obtivo o 58,66 por cento dos votos), mais tería de partillar responsabilidades orgánicas con Somos Quen (25,26 por cento) e Queremos Participar (16,08 por cento).

Aliás, o regulamento di algo máis, no mesmo artigo 5 en que se especifican os requisitos para apresentar unha candidatura: que as listas deben explicitar no seu Documento Político unha proposta de composición da Coordenadora Nacional.

Pois ben, só Máis Alá apresentou esa proposta, argumento de carácter exclusivamente formal que pode ser agora alegado pola candidatura oficial para copar todos os postos da Coordenadora.

O asunto soborda claramente o debate xurídico e vaise ter que resolver na area política. Certo é que formalmente no documento de Queremos Participar non se especifica unha proposta concreta de Coordenadora, mais tamén é verdade que si se fai unha distribución de responsabilidades, o que implicitamente aponta a que esta candidatura desexaba participar na dirección da confluencia.

As responsabilidades que propón Queremos Participar son as seguintes: Portavocía única (Luís Villares), Programa, Acción Social, Acción Feminista, Acción e Participación Democrática e Cidadá, Relacións Sociais, Relacións Institucionais, Acción Cultural, Organización, Finanzas, Comunicación e Redes.

Somos Quen non entra a facer un reparto tan exhaustivo de responsabilidades, mais si aponta a que a Coordenadora debe ter unha permanente que "deberá ser elixida por consenso entre todos os integrantes de En Marea", o que obviamente dá pé a pensar que esta corrente defende un órgao de dirección plural e non monolítico.

Proclamación de resultados

De por parte, o Comité Eleitoral proclamará esta tarde (18 h) os resultados definitivos das primarias, coa atribución dos postos obtidos por cada unha das candidaturas no Consello de Mareas.

Segundo puido saber Sermos, o Comité Eleitoral aínda non concluíu a súa deliberación sobre a impugnación apresentada por Queremos Participar.

Comentarios