En Marea

QP impugna os resultados das primarias e alega que o comité eleitoral emprega normas da Lei D`Hont

Os resultados provisarios das primarias foron Máis Alá, 21 postos no Consello das Mareas; Somos Quen, 9; e Queremos Participar, 5. Esta última candidatura alega que o comité eleitoral non aplicou a proporcionalidade pura e que lle correspondería un asento máis no máximo órgao de En Marea, en detrimento de Máis Alá.

Primarias En Marea
photo_camera Primarias En Marea

Segundo puido saber Sermos de fontes do Comité Eleitoral, Queremos Participar rexistou a súa alegación aos resultados por volta da unha da madrugada desta terza feira.

O que aduce a candidatura encabezada pola ex parlamentar Consuelo Martínez é que á hora de realizar a adxudicación de postos no Consello das Mareas, unha vez escrutados os votos, o Comité Eleitoral non aplicou a proporcionalidade pura, a despeito do que prescribe o regulamento das primarias.

"O método empregado polo Comité Electoral non se corresponde coa proporcionalide pura, senón cos maiores cocientes, propio da Lei d'Hondt e non do sistema proporcional puro que coñece calquera estudante de dereito ou ciencias políticas como Método de Hare-Niemeyer", afirma QP no seu recurso.

Alega aínda QP unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza, a núm. 910/2009 de 18 febreiro, que, ao seu xuízo "reitera a interpretación que do sistema proporcional puro vén facendo a xurisprudencia do Estado Español".

A operación aritmética que realiza Queremos Participar consiste en dividir o número de votos válidos a candidaturas entre os postos a repartir no Consello das Mareas. O cociente resultante é 43,54. A partir daí, dividiríase o número de votos válidos obtidos por cada candidatura por ese cociente.

O resultado desas operacións sería:

Máis Alá: 894/43,54 = 20,53

Somos Quen: 385/43,54 = 8,84

Queremos Participar: 245/43,54 = 5,62.

Prescindindo dos decimais, a primeira adxudicación sería 20 postos para MA, 8 para SQ e 5 para QP.

Ficarían, portanto, por adxudicar dous asentos no Consello das Mareas. Para o facer entende QP que hai que aplicar a regra dos restos maiores: 0,84 de SQ, 0,62 de QP e 0,53 de MA. Do que se seguiría que o posto 34 sería para SQ e o 35 para QP.

O reparto final ficaría, segundo este recurso, en 20 para MA, 9 para SQ e 6 para QP.

Alega QP que o reparto que fai o comité eleitoral non é proporcional puro e que, portanto, os postos son máis baratos para a lista maioritaria. Destarte:

Máis Alá. 894 votos/21 membros no Consello = 42,57 votos/posto

Somos Quen. 385 votos/9 membros no Consello = 42,77 votos/posto

Queremos Participar. 245 votos/5 membros no Consello = 49 votos/posto

Proclamación definitiva dos resultados

No momento en que editamos esta información, segundo puido saber Sermos, o Comité Eleitoral das primarias de En Marea áchase reunido para adoptar un acordo sobre este recurso de QP.

O Comité Eleitoral ten de prazo até esta cuarta feira ás 18 horas para, unha vez resolvido esta impugnación, realizar a proclamación definitiva dos resultados.

Comentarios