xoves 03/12/20

O PSOE e Unidas Podemos seguen á cabeza pese a perder apoios

Aínda que o barómetro de novembro do CIS volve situar o PSOE por riba do resultado obtido hai un ano nas eleccións estatais, a suma destes e Unidas Podemos retrocede en apoios fronte aos últimos estudos do CIS. Aliás, o estudo marca que unha maioría da poboación exixe máis recursos para a sandade e tería apoia medidas máis restritivas que as actuais fronte á pandemia. 

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, durante a sesión de de control ao Goberno no Congreso dos Deputados (Foto: Congreso)
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, durante a sesión de de control ao Goberno no Congreso dos Deputados (Foto: Congreso)

O PSOE continúa a ser o primeiro partido no Estado, cun apoio de 30,4% (obtivo 28% do voto nas urnas de hai un ano) e saca 11,8 puntos porcentuais de vantaxe sobre o PP, que queda en 18,6% (por baixo do 20,82% dos comicios). Unidas Podemos quedaría en 11,4% (baixa do 12,84% das urnas) e ficaría en cuarta posición, por detrás de Vox, que sobe respecto do último CIS a 13%, mais ficaría aínda por baixo do case 16% que obtivo hai un ano nas urnas. Ciudadanos tamén segue a aumentar e tería 9,5% de apoio.

O BNG sobe respecto do último CIS e das eleccións estatais, pasando en ambos de 0,5% a ter agora 0,6% de apoio. ERC obtén 3,2%, mentres que Junts fica con 1,7% e CUP con 0,7%. O PNV segue a superar Bildu (1,5% fronte a 0,7%).

Pedro Sánchez (PSOE) é o líder preferido para presidir o Goberno, con 26,5% de mencións fronte a 8,4% de Pablo Casado (PP), e suscita bastante ou moita confianza en 26,9% das e dos enquisados fronte a un 69,7% que desconfía. Os números de Casado son peores: só ten a confianza de 9,5%, e 85% da poboación asegura ter pouca ou ningunha confianza nel.

Calviño, máis cómoda co PP

Pese a que a suma de PP, Vox e Cs non daría para gobernar, o CIS amosa un inicio de erosión na coalición PSOE-UP, e o clima non axuda.

De feito, esta cuarta feira, 18 de novembro, o ministro José Luis Ábalos recoñeu que non coñecía a emenda aos orzamentos que UP asinou con ERC e Bildu, sen o PSOE, para prohibir os desafiuzamentos a familias vulnerábeis até finais de 2022, e lembrou que o acordo cos de Pablo Iglesias era impulsar proximamente unha lei de vivenda para garantir este dereito.

Tamén criticou a emenda a ministra Nadia Calviño, que chegou a afirmar que se sentiría "máis cómoda co apoio do PP" aos orzamentos. 

Os prognósticos dan unha ampla vitoria a ERC

Catalunya prepárase para as eleccións ao Parlament, previstas para o 14 de febreiro, e tamén para unha posíbel ampla vitoria de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC). Así o prognostica o estudo de novembro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS).

ERC gañaría con máis de 20% dos votos, seguida do PSC (15%), Comúns (8,7%), Cs (8,2%), Junts (8,1%), CUP (3,8%), PP (2%) e Vox (3,1%). A suma dos tres partidos independentistas daría 32,4% da intención de voto do total, onde se inclúe 13% que aínda non o sabe e 9,5% que se abstería. Porén a suma é maior que a de PSC, Ciudadanos, PP e  Vox, que ficarían en 26,8%.

O líder de ERC en prisión, Oriol Junqueras, é o mellor valorado e o único que aproba, cun 5,3 sobre 10. Ségueo o ministro Salvador Illa (PSC) con 4,9 de nota. A independencia segue a ser a principal preocupación da poboación.  

A maioría exixe máis recursos e persoal para sanidade

Despois destes meses de pandemia, 87,9% da poboación do Estado español  afirma que sería conveniente reformar a sanidade. 95% dos que así se posicionaron no barómetro de novembro do CIS considera que se necesitan con "moita" ou "bastante" urxencia máis recursos económicos e un aumento do persoal profesional sanitario.  

Ante a idea xeneralizada dunha poboación farta de restricións e irresponsábel, o CIS amosa todo o contrario: até 73,6% da poboación considera necesario que o Congreso tivese tomado medidas de control e illamento máis exixentes, fronte 10% que ve suficientes as actuais restricións.

Á pregunta de si estaría disposta a vacinarse inmediatamente após a saída da vacina, 36,8% responde afirmativamente e 47% di 'non'.

Tamén, ante a ladaíña de que a poboación quere mando único español contra a pandemia, o CIS deita que 69,3% demanda unha acción coordinada de Gobernos autonómicos e estatal.

A enquisa está baseada en 3.853 entrevistas a residentes de 1.247 municipios de 50 provincias entre o 3 e 12 de novembro.

comentarios