O PSOE segue en cabeza pero a dereita acurta distancias

O PSOE segue como primeira forza no barómetro do CIS de outubro e por riba do resultado logrado nas eleccións estatais, aínda que a suma das dereitas recorta distancia coa coalición de Goberno respecto do estudo do CIS do mes anterior. 
O CIS realizou 2.924 entrevistas telefónicas para o barómetro de outubro (Imaxe: Nós Diario / Europa Press)
photo_camera O CIS realizou 2.924 entrevistas telefónicas para o barómetro de outubro (Imaxe: Nós Diario / Europa Press)

O PSOE segue en primeira posición no Estado, segundo o barómetro de opinión do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) de outubro.

Con todo, a suma de PP, Vox e Ciudadanos (40,2% ) acurta distancias coa do Partido Socialista e Unidas Podemos (42,5%) respecto do estudo do mes anterior. Agora a diferenza está en 2,3 puntos, mentres en setembro estaba en 3.

De feito, o PSOE ten agora unha estimación de voto de 30,8%, sete décimas por baixo do mes anterior, mais  segue por riba do 28% que obtivo nas últimas eleccións estatais, ao contrario do PP, que perde 2 puntos respecto dos comicios.

Os de Pablo Casado, con 18,9% no barómetro deste mes, experimentan unha mellora de oito décimas sobre o traballo do mes anterior.

O BNG obtería o mesmo 0,5% que nas eleccións estatais, porén perde tres décimas en comparación co mes anterior.  

Voto directo

En canto ao voto directo, se esta quinta feira, 15 de outubro, se realizasen eleccións estatais, unha quinta parte das e dos enquisados tería clara que a súa papeleta iría para o PSOE (20,8% de intención de voto) fronte a 11,3% que ten decidido apoiar o PP. Iso si, un terzo das e dos entrevistados declina pronunciarse ou di que non votaría.

En intención directa de voto, o BNG pasa de 0,6% que marcaba o CIS de setembro a 0,4 no barómetro de outubro. A enquisa baséase en 2.924 entrevistas telefónicas en todo o Estado dunha mostra de 1.099 municipios de 50 provincias.

O traballo de campo fíxose nos primeiros sete días de outubro, en plena segunda onda do coronavirus, pero tamén tras a imputación do presidente catalán Quim  Torra, a polémica non asistencia do rei ao acto de entrega de despachos a novos xuíces en Barcelona ou os problemas xudiciais de Podemos e o seu líder, Pablo Iglesias.

O caso é que Unidas Podemos, a outra formación do Goberno de coalición estatal, tamén retrocede, cunha estimación de voto en outubro de 11,7%, medio punto por baixo do seu dato do mes de setembro e xa un punto por baixo do seu último resultado electoral. A coalición de Más País con Compromís, pola súa banda, marca un 1,8% na enquisa, algo mellor que nas urnas.

Por contra, Vox experimenta un ascenso e desbanca do podio Unidas Podemos. O partido ultradereitista marca no barómetro de outubro unha estimación de voto de 12,5%, oito décimas mellor que o mes anterior. Aínda así, o CIS sitúao tres puntos por baixo do seu resultado electoral do 10-N.

Comentarios