“Se o PSOE pon trabas ao meu traballo parlamentar denunciareino por acoso”

A deputada socialista Rocío de Frutos afirma, nunha conversa no Galicia por Diante da Radio Galega, que se enterou “polos medios” da súa destitución pola xestora da portavocía adxunta da Comisión de Emprego.

Rocio de Frutos. Deputada PSdeG no Congreso por Ourense.
photo_camera Rocio de Frutos. Deputada PSdeG no Congreso por Ourense.

A xestora do PSOE decidiu afastar das súas reponsabilidades no grupo socialista no Congreso español a deputados que considera “próximos” ao ex-secretario xeral socialista, Pedro Sánchez. Unha das afectadas por esta medida de Ferraz é a deputada ourensá Rocío de Frutos, a quen a xestora retira da portavocía adxunta da Comisión de Emprego da Cámara baixa española.

A decisión non sentou nada ben á parlamentar, que entrevistada no Galicia por Diante da Radio Galega, afirma que se enterou da medida adoptada pola xestora “polos medios”. “Estou indignada”, dixo, “hai que tratar ás persoas con respecto e humildade”. Mesmo advertiu ao PSOE que “se pon trabas no meu traballo parlamentar denunciarei ao partido por acoso”.

“Son do PSOE mais por riba de todo represento a miña provincia, Ourense”, asegurou Rocío de Frutos en declaracións á radio pública galega. 

 

Comentarios