mércores 01.04.2020

PSOE e Esquerda Unida avalan en Cambre o texto do PP sobre Resistencia Galega

O Bloque foi o único grupo municipal que rexeitou facerlle o xogo á formación conservadora e votou contra a iniciativa, cuxo texto foi modificado após a sentenza da AN española que condena catro independentistas a 56 anos de cárcere.

Casa do Concello [Imaxe: Galipedia]
Casa do Concello [Imaxe: Galipedia]


Esquerda Unida e o PSOE votaron a favor da nova iniciativa que o PP está a presentar nos concellos galegos para pedir "a condena expresa de todo tipo de actos de terrorismo, entre eles os levados a cabo pola organización terrorista Resistencia Galega". Fixérono no último pleno de Cambre.

Así as cousas, se xa nos últimos meses a formación conservadora quixera aprobar unha resolución institucional no Parlamento galego nesa mesma liña, idea que foi rexeitada polo conxunto da oposición xa antes de se presentar, o PP colleu azos após a sentenza da Audiencia Nacional española que condena catro independentistas a 56 anos de prisión e 36 de liberdade vixiada.

Malia non ser firme a condena, o partido aproveitouna para mudar a redacción da iniciativa que presentara xa en 101 concellos galegos para facer máis fincapé no "terrorismo" da citada organización. En Cambre o PP levou o texto ao último pleno, realizado na quinta feira 26 de setembro, e conseguiu o apoio de todos os grupos municipais, agás o Bloque.

Votaron primeiro @s edís do PSOE. Recriminaron que se usase esta cuestión para tapar a apoloxía do fascismo que fixeron dous alcaldes do PP (o de Baralla e o de Beade), mais finalmente deron o seu apoio á moción. De seguido chegou a quenda de Unión por Cambre, unha escisión do PSOE. Aquí os reproches estiveron centrados na invasión do Iraque e o voto foi tamén a favor.

Os dous edís con que conta Esquerda Unida en Cambre desmarcáronse das declaracións que a este respeito ten feito o voceiro de AGE. Namentres Beiras insiste en afirmar que "non está probada" a existencia de tal organización, EU fixo unha crítica aos recortes en servizos públicos mais prestou o seu apoio ao texto do PP.

BNG: "Sabendo que o máis doado era votar a favor, fixémolo en contra''

Foi o grupo municipal do Bloque o único que votou en contra. O voceiro da formación frontista deixou claro o posicionamento en contra da violencia política, mais rexeitou lexitimar "o uso político e fraudulento" que o PP está a facer. "Sabendo que o máis doado era votar a favor, tanto polo asunto en cuestión como por ser nun concello como Cambre, opuxémonos", explicou Daniel Carballada en conversa con Sermos Galiza

A parabenización que na moción do PP se fai á garda civil e á policía española tamén lle serviu ao Bloque para se posicionar en contra. "Non cómpre esquecer que eles necesitan dese 'terrorismo' para facer política", enfatizou Carballada.

O nacionalista denunciou, aliás, o oportunismo [email protected] [email protected], que gobernan en minoría, á hora de presentar a iniciativa, pois escolleron un pleno onde a presenza de veciñas e veciños triplicaba as cifras habituais, ao se incorporar na orde do día o debate sobre un cambio na toponimia. Así, por volta de 60 persoas ateigaban a sala, cando nun pleno normal non se superan as dúas decenas.

comentarios