PSOE e BNG asinan un pacto de goberno en Cedeira

Nos comicios do 28 de maio os socialistas perderon a maioría absoluta baixando de sete a cinco actas, e precisamente esas dúas gañáronas os nacionalistas, que duplican así a súa representación até un total de catro.
O actual alcalde, o socialista Pablo Moreda, e o líder local do BNG, selaron o seu acordo este sábado. (Foto: @OTaranho67 / Twitter)
photo_camera O actual alcalde, o socialista Pablo Moreda, e o líder local do BNG, selaron o seu acordo este sábado. (Foto: @OTaranho67 / Twitter)

Após reter a Alcaldía o pasado 17 de xuño para un terceiro mandato, o socialista Pablo Moreda abre as portas do Concello de Cedeira, na comarca de Ferrolterra, aos catro edís do BNG, só un menos dos que logrou o seu partido nas últimas eleccións locais. Os nacionalistas foron, de feito, os que máis subiron en votos a respecto de 2019, duplicando os escanos e facendo perder, así, a maioría absoluta ao PSdeG-PSOE. O PP obtivo as catro actas restantes.

Na sesión de investidura o Bloque, liderado por José Antonio Rodríguez Arribe 'Xosé de Vigo', permitiu coa súa abstención que Moreda mantivese o bastón de mando os próximos catro anos e o propio rexedor, consciente da perda de apoios, tendeu a man aos nacionalistas: "O pobo é sempre quen máis ordena, fagámoslle caso e formemos un gran grupo de coalición que volva ser un exemplo de boa xestión, como foi aquel goberno entre 2015 e 2019 -cando tamén formou coalición-".

E na mañá deste sábado concretouse ese bipartito perante a sinatura, por parte dos máximos representantes de ambas as formacións, dun pacto de goberno que recolle unha serie de premisas básicas para os vindeiros anos, como garantir a continuidade dos orzamentos participativos da mocidade, constituír "mesas de participación" nas parroquias encamiñadas tamén á participación da veciñanza nos orzamentos ou impulsar unha rede de camiños "seguros e accesíbeis" á escola.

Tamén avogan PSOE e BNG por traballar na planificación da rede de abastecemento e saneamento, licitar o PXOM e o PEPRI e crear unha "oficina de apoio, formaicón e asesoramento a persoas emprendedoras" no municipio, entre outras propostas.

En materia cultural, acordan fomentar subvencións de libre concorrencia para as asociacións deste ámbito, así como para as escolas de música, e crear un Consello Municipal de Cultura no Concello, así como outro referido aos Deportes. E tamén neste eido propoñen, na mesma liña, conceder unha liña de subvencións de libre concorrencia ás asociacións deportivas.

4 novas Alcaldías do BNG, 4 do PP e 1 do PSOE

A entrada do BNG no Goberno local de Cedeira materialízase un día despois de que 12 dos 13 concellos pendentes de constituíren as súas respectivas corporacións locais -falta aínda Castro Caldelas, sen data de repetición electoral- nomeasen os alcaldes e alcaldesas para este mandato. O BNG obtivo 4 bastóns de mando, os mesmos que o PP, mentres que o PSdeG logrou 1 e candidaturas municipalistas, 3.

En termos globais, após estes últimos movementos,o PP lidera un total de 150 concellos da Galiza. O PSdeG posúe alcaldes ou alcaldesas en 96 municipios galegos —aos que hai que sumar 3 rotativas—. O BNG ten a cabeza de Goberno en 36 concellos do país. Por último, hai 26 municipios onde as persoas que ocupan a cadeira de rexedor ou rexedora pertencen a forzas de diferente condición, desde candidaturas de circunscrición municipal a mareas locais ou listas independentes. 

Comentarios