O PSdG-PSOE acordou esta segunda feira a presentación en todos os concellos galegos unha moción para exixir á Xunta que non aplique a resolución do 10 de setembro que implanta o repagamento dos fármacos prescritos para doenzas crónicas. Aliás, instarán o Goberno galego a que reclame perante o ministerio de Sanidade a retirada do texto.
Así as cousas, en declaracións do secretario xeral deste partido, José Ramón Gómez Besteiro, a decisión tomouse nunha xuntanza da Executiva nacional mantida pola tarde e a instancias da mesa sectorial de sanidade. "Defendemos unha asistencia sanitaria gratuíta e de calidade como un dereito constitucional", dixo Gómez Besteiro, quen lembrou que a competencia na materia "é da Xunta".
Ao seu presidente, Núñez Feijóo, tamén lle apuxo "complicidade" co Goberno español para a implantación do repagamento. Aliás, pediu que "os concellos que poidan" traten as dificultades que esta norma carrexa como "unha situación de emerxencia persoal causada polo señor Feijóo". A presentación de mocións en todos os concellos e nesta mesma liña anunciouna tamén, pola mañá, o BNG.