Ultimato do PSdeG á Xunta polo "atropelo" do canon da auga: "última chamada" ao diálogo antes da vía xudicial

Os socialistas urxen o presidente Rueda a "sentar" con representantes dos municipios, na comisión mixta coa Fegamp, ante estas "cargas que non poden abordar" sen achegar o financiamento preciso.
Rolda de prensa do secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Laxe, e o presidente da Fegamp, Alberto Varela, acompañados de alcaldes e alcaldesas socialistas a comezos do mes de agosto (Foto: Europa Press)
photo_camera Rolda de prensa do secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Laxe, e o presidente da Fegamp, Alberto Varela, acompañados de alcaldes e alcaldesas socialistas. (Foto: Europa Press)

O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Laxe, lanzou esta terza feira un "ultimato" á Xunta para que se reúna de forma urxente cos municipios para abordar a "tropelía" do canon da auga que "estrangula" os concellos, afirmou. Esta foi unha "última chamada" ao diálogo para buscar unha solución antes de optar pola confrontación, "sen descartar que se chegue a unha vía de carácter xudicial". Nunha comparecencia xunto ao secretario de Política Municipal do PSdeG e presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, e de varios alcaldes e alcaldesas socialistas, Laxe denunciou que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "estrangula concellos e sobe impostos a veciños" con este canon.

Na mesma liña, Alberto Varela alertou de que municipios que teñen arredor de sete millóns de euros de orzamento están a recibir liquidacións de 200.000 euros por un cuadrimestre, o que é "inasumíbel". Censura que esta situación é consecuencia de que o PP sacou adiante a Lei do ciclo da auga "con présa" e "sen consenso de concellos".

Aliás, lamentou que esta é unha "pinga máis" mentres os concellos teñen que facerse cargo de competencias "impropias" sen recibiren o financiamento debido, tales como o servizo de axuda no fogar (SAF), as escolas infantís e os servizos de drogodependencia, entre outros. Estas novas obrigas, dixo, "están a afogar" as arcas municipais.

Por todo iso, Varela emprazou o Goberno de Rueda a "sentar" con representantes dos municipios, na comisión mixta coa Fegamp, ante estas "cargas que non poden abordar" sen achegar financiamento.

Rueda e Vázquez, "señores feudais"

Para José Manuel Laxe, o "estrangulamento" aos municipios tradúcese nunha "suba de impostos para todos os veciños" e "sen diálogo de ningún tipo" cos concellos, no que cualifica de "fuxida cara a adiante" por parte de Rueda por medio dun "canon á choiva".

O secretario de Organización dos socialistas galegos arremeteu contra a "discrecionalidade e arbitrariedade" do Goberno galego, que "deixa máis de 100 concellos" sen financiamento para mellora de depuradoras, así como para cumprir co mandato da Unión Europea, e sen aplicar fondos europeos que se transfiren ao país, pois "só miran a cor política" na repartición, cuestionou.

Por iso, acusou Alfonso Rueda e mais a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, de adoptaren unha actitude "propia de señores feudais", xa que "consideran que poden asoballar a todos os que non son da súa cor política ou non lles rin as grazas".

Comentarios